Noticias

O sector agroalimentario xera en Galicia máis de 103.000 postos de traballo, segundo un estudo do IGE

O sector agroalimentario xera en Galicia un total de 103.521 postos de traballo, o que supón un 9,3% do traballo total, e achega un 6,9% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía autonómica (4.126 millóns de euros), segundo un estudo sobre a actividade publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e elaborado a partir de datos de 2017. As actividades primarias son as que predominan, especialmente en termos de emprego, xa que o 69,4% dos postos de traballo do sector proveñen das mesmas. A rama con máis xeración de valor e con máis postos de traballo creados é a ‘Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas’. Séguelle en importancia a ‘Pesca’ e a ‘Industria de procesamento e conservación de peixes, crustáceos e moluscos’.

O sector medrou menos que o total da economía na fase expansiva, con taxas positivas nos anos de recesión económica e creceu lixeiramente por riba da media da economía galega nos anos máis recentes. Na comparativa co sector en España, Galicia destaca pola súa especialización no subsector primario e concretamente na pesca e na acuicultura, ramas nas que máis do 40% do Valor Engadido Bruto (VEB) xerado no Estado provén da comunidade autónoma. No que vai de século o sector gañou peso no conxunto estatal.

Forte orientación exportadora e saldo superavitario

A actividade agroalimentaria está presente en todas as comarcas de Galicia, destacando as da Coruña (9,3% do total do sector), Barbanza (7,2%), Vigo (6,7%) e Lugo (6%). En 13 comarcas achega máis do 20% do PIB de cada unha.

Galicia atópase, en comparativa internacional, entre as economías nas que o sector é máis relevante. O estudo reflicte unha forte orientación exportadora da actividade, con destino fundamentalmente cara ao resto de, e ten un saldo superavitario tanto nos produtos primarios como nos industriais. Os protagonistas desta balanza comercial con superávit son as conservas de pescado, os produtos gandeiros, a carne e o leite.

Agricultura, gandaría, caza e servizos relacionados con elas, xunto coa industria transformadora de peixes, crustáceos e moluscos, identifícanse como sectores clave, xa que son importantes demandantes e oferentes dentro da economía galega. As industrias cárnica e láctea preséntanse como sectores motores da economía, xa que están orientados cara a demanda final e teñen fortes encadeamentos cara atrás.

Pola súa parte, a pesca, fabricación de pensos e fabricación de bebidas identifícanse como sectores básicos na economía galega, pois están orientados cara a demanda intermedia e, polo tanto, teñen fortes encadeamentos cara adiante, pero son débiles cara atrás.

O informe presentado hoxe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca, o sector cultural, o do transporte, o do téxtil e o da minería e fabricación de produtos minerais non metálicos.

R., 2020-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES