
A conselleira exprésalle ao secretario de Estado a confianza na coincidencia sobre a importancia de establecer un marco de comunicación e interlocución fluído sobre este asunto. Neste sentido, sinala que as formulas escollidas nos últimos meses sobre a marcha das obras e a previsión de finalización das mesmas non ten sido a máis acertada, sinalando a información trasladada á Comisión Europea sobre a data de finalización das obras do AVE, así como as declaracións contraditorias por parte dos diferentes representantes do Estado en Galicia sobre os avances nesta infraestrutura estratéxica para Galicia.
Doutra banda, na súa misiva, Ethel Vázquez insiste tamén na preocupación da Xunta polo impacto económico da subida das peaxes na autoestrada do Atlántico, e reitera a solicitude da Xunta de convocar a reunión da comisión de seguimento da AP-9 á maior brevidade. Lembra que o Goberno xa coñece a proposta realista e viable da Xunta para frear a escalada desproporcionada de tarifas da AP-9 e minimizar o impacto das súas peaxes na cidadanía galega, que continúa á espera de resposta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.