Noticias

A Xunta autoriza o inicio do procedemento para reclamar xudicialmente ao Goberno central o pago dos 200M€ do IVE que debe a Galicia

O Consello da Xunta autorizou á Asesoría Xurídica e a Consellería de Facenda a que inicien o procedemento para reclamar xudicialmente ao Goberno o pago dos 200 millóns de euros que debe a Galicia pola mensualidade do IVE do ano 2017, que é unha parte substancial dos 370 millóns de euros que aínda lle adebeda o Executivo a todos os galegos. Enviarase ao Executivo un requirimento previo, tal e como se establece na Lei, e ante o cal o Goberno terá un mes para responder. De non facelo ou facelo en sentido negativo, de maneira inmediata a Xunta presentará un recurso contencioso-administrativo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe en rolda de prensa que o Consello da Xunta autorizou á Asesoría Xurídica e a Consellería de Facenda a que inicien o procedemento para reclamar xudicialmente ao Goberno o pago dos 200 millóns de euros que debe a Galicia pola mensualidade do IVE do ano 2017, que é unha parte substancial dos 370 millóns de euros que aínda lle adebeda o Executivo a todos os galegos.

Enviarase ao Executivo un requirimento previo, tal e como se establece na Lei, e ante o cal o Goberno terá un mes para responder. De non facelo ou facelo en sentido negativo, de maneira inmediata a Xunta presentará un recurso contencioso-administrativo.

“Trátase de cobrar a mensualidade do IVE recadado no ano 2017, a mensualidade do mes de decembro, mensualidade que foi recadada polo Goberno central, que foi ingresada no Ministerio de Facenda e que non foi transferida á facenda autonómica”, explicou o presidente da Xunta e incidiu en que estamos ante un “feito lamentable, novidoso e unha enorme deslealdade”. Ademais, lamentou que o Goberno non quixo “nin dialogar nin acercar posturas nin concretar acordos nin concretar solucións”

Polo tanto, “ante tal incumprimento de forma sistemática desde o mes de febreiro do ano 2019 ata o de agora nos vemos na obriga de denunciar ao Goberno central e o lamentamos profundamente”, aseverou.

O Goberno central leva case ano e medio sen convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira, unha situación sen precedentes nas últimas décadas e un feito ilegal porque incumpre o regulamento do propio CPFF que obriga a reunilo polo menos dúas veces ao ano.

O xefe do Executivo galego lembrou que nos últimos once meses –desde que as Cortes rexeitaron o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado nos que se incluía o pagamento desta contía- a Xunta: reclamou a convocatoria urxente do CPFF en varias ocasións; reclamou por carta ata en catro ocasións as cantidades pendentes de pago; reclamou o pago inmediato da mensualidade do IVE de 2017, e achegou en setembro un informe xurídico para desbloquear a situación. E, incluso, en ton construtivo, fixo un borrador de real decreto-lei para habilitar os pagos a Galicia e ao resto das Comunidades Autónomas que podía aprobar o Goberno de España en calquera momento durante o período no que as Cortes estiveron constituídas.

“Pero durante estes once meses nos cansamos de escoitar mentiras, escusas para dilatar o pago da débeda”, salientou.

Todos esta impagos causaron e seguen causando importantes prexuízos a Galicia cunhas importantes tensións de tesourería e cun incremento do déficit.

Ademais, Feijóo lamentou que chegamos a este 2020 cunha “triple tomadura de pelo” xa que din que non van pagar os 200 millóns de IVE, que eses cartos desapareceron e que xa pasou o prazo para reclamar ese diñeiro.

O responsable do Goberno galego concluíu salientando que se trata dunha reclamación que “vai moito máis alá do Consello da Xunta e do seu presidente”, xa que foi respaldada de xeito case unánime polo Parlamento galego; foi reclamada tamén por outras Comunidades Autónomas e hai consenso entre os expertos en financiamento. “As débedas públicas non teñen caducidade”, insistiu.

R., 2020-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES