
A denominada como Axenda Galicia aprobouse no mes de outubro, co obxectivo de ser tratada a maior brevidade posible co goberno que saíse das urnas tras as eleccións de novembro. Os asuntos que se inclúen nesta listaxe tamén foron xa trasladados nas cartas que o Presidente da Xunta enviou a cada un dos novos ministros e ministras.
Os temas da Axenda Galicia distribúense en cinco bloques principais: un financiamento xusto, impulso ás infraestruturas pendentes, apoio aos sectores produtivos, mellora dos servizos públicos, e colaboración cultural.
No primeiro bloque, relativo ao financiamento, unha das prioridades é que o Estado ingrese os 370 millóns que debe a Galicia: 200 millóns correspondentes ao IVE e 170 millóns de compensacións ás comunidades cumpridoras cos obxectivos de sostibilidade financeira. Para tratar este asunto, é tamén fundamental a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira, que leva máis de 17 meses sen reunirse. Neste eixo de financiamento, tamén se inclúen outras necesidades como un novo modelo de financiamento autonómico ou unha Estratexia nacional fronte ao reto demográfico.
Dar un impulso ás infraestruturas pendentes é tamén un dos obxectivos da Xunta. Por iso, reclamarase de novo a transferencia da AP-9 como a mellor vía para prestar un servizo eficaz e de calidade en beneficio de todos os galegos e galegas. Mentres non se produce o traspaso, a Xunta xa ten trasladado ao Goberno central unha proposta para paliar o impacto das peaxes.
No ámbito das infraestruturas, a chegada do AVE a Galicia é unha das máximas prioridades, tendo en conta os anos de atraso e a súa importancia de cara ao Xacobeo 2021. De aí que a Xunta reclame claridade e certeza nos prazos.
O terceiro bloque, o apoio aos sectores produtivos, é chave para moitas familias galegas. Neste eido englóbanse demandas como o Estatuto para os consumidores electrointensivos que permita rebaixar os prezos da enerxía a estas industrias; unha transición ordenada no ámbito enerxético, que dea solución ás familias que dependen da central das Pontes; ou carga de traballo para Navantia.
A Xunta tamén fará fincapé nas súas negociacións co Goberno central en mellorar os servizos públicos en aspectos tan básicos como a sanidade, para tomar medidas ante a escaseza de profesionais en determinadas especialidades; ou na dependencia, para que a achega entre o Goberno autonómico e central sexa equitativa.
Por último, o quinto bloque abordará a colaboración cultural. O Xacobeo 2021 é un fito de gran relevancia, para o que se solicita tamén a colaboración do Goberno central; así como tamén se pedirá o seu apoio ás candidaturas a Patrimonio Mundial: Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración.
Transferencias
Xa para rematar, o vicepresidente da Xunta lembrou que estes asuntos urxentes súmanse a outros temas pendentes entre o Goberno autonómico e o central en materia de traspaso de competencias. Ao respecto, lembrou as 16 competencias que a Xunta ten formulado nos últimos anos e que están pendentes de resposta. Entre elas, atópanse o propio traspaso da AP-9, a ordenación do litoral e xestión do dominio público marítimo-terrestre ou a ordenación do sector pesqueiro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.