
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación infantil, que permitirá que a partir do 1 de abril as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos. Feijóo fixo este anuncio durante unha visita ás instalacións da escola infantil de Santa Susana, en Santiago, un edificio histórico que a Xunta remodelou cun investimento de 1,3 millóns de euros.
Alí, o presidente da Xunta precisou que a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas 173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe como nas que non o están. Destas últimas, as que desexen voluntariamente adherirse a esta medida contarán co apoio económico do Goberno galego.
Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Feijóo explicou que para levala a cabo a Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros.
Ademais, a partir do próximo curso o Goberno galego tamén achegará fondos para facilitar que as escolas infantís municipais poidan introducir a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos. Para acollerse a este beneficio, será preciso que o concello en cuestión non teña débedas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en relación coa obriga de cofinanciar as escolas infantís e centros de día.
Gratuidade da atención infantil no rural
Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que esta vocación de Galicia de converterse en referente na gratuidade da atención aos nenos desde os seus primeiros pasos non é novidosa, xa que desde 2016 as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes xa teñen acceso a un servizo 100% gratuíto coas casas niño.
Durante á visita á escola infantil de Santa Susana, na que se educan máis de 60 nenas e nenos, Feijóo agradeceu o traballo e o compromiso das profesionais destes centros, que son un piar fundamental na aposta de Galicia por unha educación infantil con vocación de excelencia.
O presidente do Goberno galego concluíu incidindo no compromiso da Xunta cunha educación infantil de calidade e coa conciliación da vida familiar e laboral. Nesta liña, lembrou que a Xunta duplicou desde 2009 as prazas públicas ata chegar ás 25.000; introduciu un servizo de proximidade e calidade nas zonas rurais coas 75 primeiras casas niño, que este ano se estenderán ao 100% dos concellos galegos máis pequenos; e reforzou prestacións como o Bono Concilia para que as familias que non accedan a unha praza pública poidan escoller escola infantil.
Por último, lembrou que no primeiro trimestre deste ano a Xunta de Galicia levará ao Parlamento autonómico a primeira Lei de impulso demográfico de España, que incluirá, entre outras iniciativas, medidas para dar un novo pulo á conciliación, coa ampliación dos horarios das escolas públicas infantís.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.