
Os maiores crecementos producíronse na provincia de Lugo un 1,36%, ao aumentar 501 as súas empresas- e na de A Coruña, que contabiliza 853 empresas galegas máis e un incremento do 0,85%. As cifras tamén son positivas en Pontevedra aumentan un 0,61% ao sumar 495 empresas máis- e na provincia de Ourense, que conta con 124 empresas máis e un crecemento do 0,46%.
En canto á distribución territorial da sede social, a maioría das empresas localízanse nas provincias atlánticas, xa que A Coruña suma 101.520 e Pontevedra contabiliza 81.586 empresas. Nas provincias orientais, a cifra ascende a 37.405 empresas en Lugo e 27.120 na provincia de Ourense.
Medran as empresas con máis asalariados
Respecto ao número de asalariados, a operación estatística do IGE mostra que o maior incremento de empresas galegas produciuse nas de 500 ou máis asalariados, que medran un 7% ao pasar de 57 a 61; e nas de 100 a 249 asalariados, que crecen un 4,86% ao pasar de 370 a 388 empresas. Todos os tramos medran agás o de empresas de 1 a 2 asalariados e o de 250 a 499 asalariados, que baixan un 0,87 e un 1,08%, respectivamente.
O Directorio de empresas medra sobre o ano anterior grazas a que o número de altas de empresas rexistradas é superior ao de baixas. En concreto, o número de altas de empresas con sede social en Galicia foi de 24.632, fronte ás 22.646 baixas. Xunto a elas, outras 222.999 empresas permaneceron activas logo de ser dadas de alta en anos anteriores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.