Noticias

Silleda acolle a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legends

A Xunta de Galicia organiza a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legens (LOL) esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. Neste certame, posto en marcha pola Consellería de Política Social, participan 80 mozas e mozos de diferentes municipios de toda a comunidade. O obxectivo é configurar un completo fin de semana de competición entre os 16 equipos que se clasificaron para a fase final. Cómpre lembrar, que nos Espazos Xoves de menor poboación (Betanzos, Curtis, Noia, Pontedeume, Vilalba, Viveiro, Chantada e Tui) clasificouse un equipo de cada zona, mentres que nos catro de maior poboación (Carballo, Ourense, Lalín e Vilagarcía) son dous os equipos que chegaron á fase final. Cada un destes equipos está formado por cinco persoas.

Deste xeito, o sábado 21 terán lugar os oitavos de final que se disputarán de xeito simultáneo en catro espazos diferentes dentro do recinto. Xogaranse tres partidos en cada espazo, e os dous que gañen pasarán á seguinte fase. O domingo 22 disputaranse pola mañá os cuartos de final e as semifinais a partida única, mentres que pola tarde será a gran final na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.

Cada membro do equipo gañador será obsequiado cunha tarxeta de Riot Points, valorada en 100 euros, a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización. Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Consellería de Política Social.

Esta fase final do I torneo autonómico de League of Legends (LOL) nos Espazos Xoves, estará aberta ao público que se atope en Silleda Park, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. Cómpre destacar que a conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final será subministrados pola compañía R.

Transporte, aloxamento e manutención

A Xunta de Galicia ofrecerá transporte, aloxamento e manutención de carácter gratuíto aos membros dos 16 equipos clasificados para esta final. O transporte será de ida o sábado pola mañá e de volta o domingo pola tarde. Os autobuses sairán de cada un dos Espazos Xove nos que se realizou a primeira fase do torneo.

No referente ao aloxamento, os equipos clasificados poderán aloxarse nun pavillón independente do recinto, pero si é preciso que traian a súa propia tenda de acampada, saco de durmir e útiles de aseo. Así mesmo, terán acceso a duchas e lavabo. En canto á manutención, os equipos finalistas contarán con servizo de comida e cea o sábado, así como con almorzo e comida o domingo.

O Goberno galego puxo en marcha este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e celebrouse nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Ademais, procura promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.

R., 2019-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES