Noticias

O inverno comeza o domingo 22 ás 5.19 horas

O inverno boreal comezará este domingo 22 ás 5.19 horas. A estación prolongarase ata o 20 de marzo ás 4.49 horas, momento en que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración, 88,99 días, fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude. Así, as tardes xa comezaron a medrar dende o día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis.

Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro. Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior) e o día 5 pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de km..

Como explica o profesor Docobo, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor ata comezos de xaneiro, pasando logo ao amencer. Durante toda a nova estación, Venus será o luceiro vespertino. Marte e Xúpiter estarán no amencer e Saturno ata mediados de xaneiro seguirase vendo no final da tarde. Haberá así mesmo “algunhas conxuncións interesantes, como aquela da Lúa con Venus no solpor do 28 de decembro ou a de Marte con Xúpiter no amencer do último día do inverno”. Son “tamén dignas de mención as aliñacións de Marte, Xúpiter, Saturno e a Lúa entre o 17 e o 21 de febreiro así como entre o 16 e o 20 de marzo”.

En canto ás eclipses, o director do Observatorio Universitario lembra que o vindeiro día 26 terá lugar unha anelar de Sol visible no leste de África, Océano Índico, Asia e Oceanía, pero non en España. O que si teoricamente podería verse é unha eclipse penumbral de Lúa o dia 10 de xaneiro. Como explica José Ángel Docobo, esta clase de eclipses “non son doados de apreciar xa que logo o noso satélite segue a verse enteiro aínda que menos brillante”.

Meteoroloxía

Meteoroloxicamente falando, o outono que agora remata “foi extremadamente chuvioso na área de Compostela aínda que en cantidade menor ca do ano 2000”. Daquela, entre o 22 de setembro e o 21 de decembro medíronse un total de 1.315,5 litros/m2 na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller repartidas coa seguinte proporción: últimos días de setembro (65,6), outubro (205,2), novembro (530) e decembro (514,7 litros ata o dia 21).

No presente outono, o director do Observatorio sinala que “levamos recollidos 978,4 litros/m2 ata o mediodía do dia 20, co seguinte reparto: últimos días de setembro: 42,8 litros; outubro: 256,9; novembro: 431,9; e decembro, ata o dia 20: 246,8.

Aínda que neste ano falta por computar a choiva dos dous últimos días do outono, “non é previsible chegar ao récord do outono do derradeiro ano do pasado século (ano 2000). Porén compre salientar que no de 2019 choveu en mais días: 72 (+4 inapreciable) polos 69 (+3) de hai dezanove anos”. Por outra banda, no presente outono ten chovido máis que no verán, primavera e inverno de 2019 xuntos e que en novembro rexistráronse precipitacións todos os días do mes.

R., 2019-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES