Noticias

O Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero impulsa a creación dun grupo de traballo para abordar a prevención e o tratamento da violencia sexual

Trátase dunha comisión de traballo no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para abordar pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. Esta proposta foi unha das presentadas hoxe no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero. Durante a xuntanza tamén se acordou dar continuidade ao grupo de traballo dedicado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo para acadar a erradicación da violencia machista dende a prevención. O obxectivo deste grupo é que os nenos e nenas e os adolescentes interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.

A Xunta impulsará a creación dunha comisión de traballo no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para abordar pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. Dáse así cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, que o pasado setembro instou ao Goberno galego e a este observatorio a visibilizar e traballar de xeito específico no eido da violencia sexual.

Esta proposta foi unha das presentadas hoxe no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero que presidiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á que tamén asistiron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde; o Fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Nesta liña, a Xunta xa incluíu no “Informe anual de Violencia de xénero” sobre 2018 presentado este ano un anexo específico sobre as violencias sexuais, que segundo establece a Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, é unha forma de violencia de xénero.

Durante a xuntanza tamén se acordou dar continuidade ao grupo de traballo dedicado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo para acadar a erradicación da violencia machista dende a prevención. O obxectivo deste grupo de traballo é que os nenos e nenas e os adolescentes interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes, tal e como recolle un dos eixos de acción do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Este grupo de traballo foi o encargado de elaborar a “Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo” que se aprobou tamén no encontro de hoxe para a súa publicación e difusión. Esta guía establece procedementos de intervención para os persoal dos centros de ensino sobre a actuación ante situacións de violencia que se produzan nos centros educativos, así como a detección de posibles casos no ámbito familiar do alumnado. O documento inclúe pautas de intervención ante distintos supostos que poderían darse e fichas para rexistrar e comunicar cada caso para a súa resolución.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

O Pleno abordou tamén o seguimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e presentáronse as medidas desenvolvidas este ano en Galicia das que o Goberno galego xa dou conta o mes pasado no Consello da Xunta.

A Administración autonómica aprobou o pasado marzo o Plan de actuación para a implantación en Galicia das medidas de competencia autonómica incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de Xénero. No Plan programáronse un total de 65 medidas, das que 38 son novas e 27 supuxeron reforzar ou ampliar actuacións que o Goberno galego xa tiña en marcha. A Xunta ten actualmente desenvolvidas practicamente o 100% das accións previstas este ano.

Algunhas das medidas máis novidosas postas en marcha este ano son o apoio integral a menores orfos por violencia machista, a habilitación do apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas, ou a implantación das quendas de garda psicolóxica e social.

Composición do Observatorio

No Observatorio están representados distintos departamentos da Xunta, a delegación do Goberno, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía Superior de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asociacións de mulleres e colexios profesionais vinculados coa prevención e o tratamento da violencia de xénero.

R., 2019-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES