Noticias

Galicia aproba os seus orzamentos para 2020

Galicia é a segunda comunidade autónoma de España que aproba os seus Orzamentos para 2020, unha vez que as contas públicas recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Deste xeito, Galicia mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comezará o exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que terán que prorrogar os seus presupostos. Os Orzamentos de Galicia para 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que neste ano e 1.400 millóns máis que en 2016. As contas entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro, despois de que se publiquen no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os presupostos aprobados hoxe polo Parlamento galego inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía, ata acadar os 7.400 millóns de euros, deste xeito poñeranse en marcha en 2020 medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida.

Ademais, as contas tamén inclúen novas rebaixas fiscais no imposto pola compra dunha vivenda no 94% do territorio galego; no Imposto sobre Sucesións, de modo que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciben unha herdanza dun familiar directo, ou tamén unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

O proxecto de lei aprobado hoxe polo Pleno do Parlamento tamén inclúe un incremento do capítulo de investimentos, que volve medrar –sube un 2,4%- e acada os 1.691 millóns de euros, e pola contra o único capítulo orzamentario que diminúe é o de xuros da débeda, no que se aforrarán 22 millóns grazas á política de control do endebedamento.

Con estas contas, xa son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos. Hai que ter en conta que o primeiro orzamento da Comunidade Autónoma foi aprobado e publicado no Diario Oficial de Galicia en 1981, ano no que tamén foi aprobado o Estatuto de Autonomía de Galicia.

R., 2019-12-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES