
En todo caso, a previsión da Xunta é que este indicador siga baixando nos vindeiros trimestres, e que 2019 sexa o terceiro ano consecutivo no que Galicia logra reducir a súa ratio de débeda. En termos absolutos, a débeda total das comunidades autónomas situouse nos nove primeiros meses de 2019 en 298.077 millóns, dos que 11.426 millóns o 3,8% do total- corresponden a Galicia.
No peche do terceiro trimestre, o endebedamento de Galicia é 6,3 puntos inferior á media autonómica, situada no 24,1% e, grazas a este mellor comportamento, Galicia evitou na última década a emisión de máis de 3.800 millóns de euros de débeda. En todos estes anos, a Comunidade Autónoma cumpriu sempre o límite de débeda autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), e desde 2016 iniciou unha senda de redución do seu endebedamento que continuará nos vindeiros exercicios.
Efectos sobre a débeda polos impagos do Goberno Central
Esta boa evolución un trimestre máis na redución do endebedamento da Comunidade Autónoma Galega podía ser moito máis significativa se o Goberno Central houbese cumprido coas súas obrigas e non retrasase o pago dos 334 millóns de euros de entregas a conta e non retivera os 200 millóns de euros do Imposto sobre o Valor Engadido (IVA) correspondentes a decembro de 2017.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.