
Un dos piares sobre os que se asenta este polo é o de ser líder sectorial apoiándose sobre sectores estratéxicos para a economía e a sociedade en Galicia, nos que xa se dispón dunha vantaxe competitiva relevante tanto en materia produtiva, como de provisión de servizos asistenciais e de capacidades científico-técnicas, facendo de Galicia unha das biorrexións europeas.
O liderado tecnolóxico susténtase nunha importante especialización en tecnoloxías disruptivas nas que os centros de competencia, particularmente a USC, posúen ampla experiencia, ademais dun posicionamento competitivo en Europa. O Hub aposta por unha actuación coordinada entre os centros de competencia dixitais e outros centros de competencia sectoriais. Isto permitirá multiplicar o impacto dixital, potenciando as súas sinerxías con outras tecnoloxías sectoriais e mesmo con outras KET, como a biotecnoloxía ou a robótica.
O liderado empresarial acadarase coa participación das principais empresas tractoras dos sectores foco do DIH que servirán de validadores e prescritores de tecnoloxía e exercerán un efecto de arrastre sobre o resto das Pemes do tecido produtivo que operan no seu ámbito de actuación
Os principais obxectivos deste modelo de Hub son cohesionar o sistema galego de innovación articulando modelos de colaboración abertos, articulados entorno á dixitalización, que permitan coñecer e aproveitar as capacidades existentes e reforzar e avanzar na especialización intelixente de Galicia, concentrando os recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para a comunidade, baixo o principio da auto sustentabilidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.