Noticias

As rexións atlánticas europeas avalían o estado actual do Brexit e as futuras repercusións sobre o sector pesqueiro

Inaugurouse hoxe na sede da Fundación Galicia Europa unha nova reunión do Grupo Operativo Brexit da Comisión do Arco Atlántico (CAA). A décima cita deste grupo de traballo serviu para avaliar o estado actual do Brexit tras a prórroga concedida polo Consello Europeo ao Parlamento británico ata o 31 de xaneiro de 2020, así como para analizar o seu futuro impacto nas rexións atlánticas, concretamente, no sector pesqueiro. Durante a reunión tamén se debateron e definiron as mensaxes en materia de pesca que o grupo de traballo adoptará sobre o Brexit durante a próxima asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico que terá lugar en Porto o 14 de novembro.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, comezou a súa intervención facendo un balance sobre as actividades desenvolvidas polo grupo operativo tras a súa creación no ano 2017: desde a declaración política sobre o Brexit que resumía a visión das rexións atlánticas en ámbitos como os dereitos dos cidadáns, a gobernanza, o futuro da cooperación interrexional e as finanzas, ata ás dúas reunións mantidas co negociador en xefe da UE para o Brexit, Michel Barnier, a través da propia Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM).

Non obstante, ante a inestabilidade e incerteza que aínda xera o Brexit, o representante galego remarcou a importancia de defender desde o Grupo Operativo Brexit os intereses xerais, e especificamente en materia de pesca, daquelas rexións atlánticas que se verán seriamente afectadas pola retirada británica da UE. Galicia é unha das rexións atlánticas cunha das industrias pesqueiras máis importantes e modernas de Europa. Por iso desde a Xunta sempre se avogou por un acordo favorable aos intereses galegos neste sector económico estratéxico. Un acordo que implica o mantemento do statu quo actual, co acceso das frotas europeas ás augas británicas e o paso dos exportadores británicos ao mercado da UE. Segundo expresou Gamallo, Galicia quere un acordo global a longo prazo vinculado ao acceso mutuo aos recursos e mercados, pero tamén ten especial interese en establecer unha cooperación sólida co Reino Unido tras o Brexit.

Neste sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE quixo destacar o papel tan importante que desempeñan a solidariedade, o diálogo e a cooperación interrexional entre as rexións atlánticas e as illas británicas á hora de favorecer un proceso de transición flexible cara unha Unión sen o Reino Unido nos ámbitos do comercio internacional e a mobilidade. «Estamos convencidos de que a cooperación coas rexións británicas pode contrarrestar os efectos negativos de Brexit e actuar como motor para promover proxectos que contribúan ao desenvolvemento dos nosos territorios», declarou Gamallo.

Medidas preparatorias da Xunta para afrontar o Brexit

Como exemplo de previsión institucional, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE aproveitou a ocasión para expoñer as medidas preparatorias que xa puxo en marcha o goberno galego de cara a defender os intereses galegos das máis de 500 empresas que exportan e operan en Reino Unido, xunto os máis de 15.000 cidadáns galegos que residen a día de hoxe en territorio británico.

Como unhas das súas principais actuacións, Gamallo citou a creación en 2018, a través da Fundación Galicia Europa, dun foro especializado na materia: o Foro Galego do Brexit. Trátase dun observatorio público para fomentar o debate entre as principais entidades públicas e privadas de Galicia e o resto da cidadanía mediante a organización de actos informativos sobre o Brexit (sete ata o momento), e a difusión pública de noticias, estudos e informes sobre o tema a través da súa páxina web oficial e da súa conta en Twitter. Ademais, acaba de estrearse unha novidosa ferramenta de consulta en liña para todos os interesados, que se pode atopar na sección web do foro baixo o título de ‘Respostas Brexit’.

Ademais, o representante da Xunta explicou tamén a plataforma dixital ‘Diagnóstico Brexit’, coordinada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que posibilita ás empresas galegas avaliar a súa situación respecto as futuras repercusións da saída británica. O IGAPE tamén prevé ofertar proximamente servizos de consultaría fiscal, laboral, xurídica e administrativa ás entidades galegas sobre esta materia, para o que tamén reforzará a súa oficina en Londres.

Os últimos pasos dados polo Executivo galego neste senso foron a creación dunha comisión interdepartamental dentro da propia Xunta para avaliar a incidencia na comunidade galega do Brexit, discutir e aprobar as medidas necesarias para minimizar o seu impacto, e requerir ás autoridades competentes a solución dos problemas que se detecten. Así mesmo, está programada a posta en marcha dun "cheque Brexit" para cofinanciar os gastos nos que incorran as empresas galegas que exportan ao Reino Unido.

Grupo Operativo do Brexit

Dado que a saída de Reino Unido do club europeo afecta dunha forma especial ás rexións marítimas do Atlántico, Galicia propuxo en marzo de 2017 a creación dun Grupo Operativo específico no seo da Comisión do Arco Atlántico (CAA), unha das seis comisións xeográficas nas que traballa a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Baixo o liderado e coordinación da Fundación Galicia Europa, este grupo de traballo tense reunido ata dez veces desde a súa creación, co obxectivo de analizar en detalle as implicacións do Brexit e poder buscar solucións en común entre todas rexións atlánticas afectadas.

R., 2019-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES