
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou na Coruña, durante a celebración do primeiro Venres Autónomo, a importante contribución das persoas autónomas á creación de emprego e riqueza en Galicia. Por iso, sinalou, se poñen en marcha este tipo de encontros para achegarnos á realidade que ten este sector, identificar máis medidas e sobre todo escoitar cales son as súas demandas.
Tal e como subliñou Francisco Conde, o obxectivo da Xunta é achegar un apoio integral ás persoas autónomas, impulsando os procesos de crecemento; a innovación, a internacionalización e a profesionalización; e facilitando aspectos como a conciliación.
En Galicia un de cada cinco traballadores é autónomo, e a Comunidade é a que conta cunha maior estabilidade neste tipo de emprego, tendo 6 de cada 10 negocios máis de cinco anos de antigüidade. A través da Estratexia Autónomo 2020, un acordo consensuado co sector a través da Mesa do Autonómo, achéganse medidas para facer máis doado o día a día dos traballadores, que incluén o fortalecemento do negocio, a contratación (sobre todo de mulleres e xente nova) e a atención ás novas demandas. Pódese obter información de todos estes apoios a través da Oficina do Autónomo (http://oficinadoautonomo.gal/).
O conselleiro, que sinalou que cada vez a cultura emprendedora en Galicia ten máis solidez, apuntou durante a súa intervención que, como Administración, cómpre tomar exemplo deste colectivo que é sinónimo de implicación, traballo constante e ilusión.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.