Noticias

A irmá de John Lennon protagoniza a gravación dun videoclip para promocionar o Camiño Inglés

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o Delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiron xunto á Torre de Hércules, ao inicio da rodaxe que promove o Consorcio de Turismo da Coruña dentro do programa O TEU XACOBEO. Julia Baird grava estes días en Ferrol, Bruma e Santiago o vídeo da canción ‘Teu Camiñar’, composta pola artista galega Cristina Rubirosa. Segundo comentou Román Rodríguez, John Lennon proxectou facer o Camiño nos anos 70 con Salvador Dalí, o que finalmente non puido cumprir.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu hoxe ao inicio da rodaxe do videoclip do Camiño de Santiago protagonizado por Julia Baird, irmá do músico John Lennon. Trátase dun filme musical apoiado pola Xunta a través do programa O teu Xacobeo e que ten como obxectivo promocionar o Camiño Inglés como parte das iniciativas do Consorcio de Turismo da Coruña beneficiarias desta convocatoria.

Co título Teu Camiñar, a canción composta pola artista galega Cristina Rubirosa comezou a gravación do seu vídeo musical na Torre de Hércules coa irmá do mítico compoñente de The Beatles como protagonista, o que contribuirá a súa difusión internacional. Neste sentido, o conselleiro lembrou que o mítico compoñente da banda inglesa proxectou facer o Camiño na década dos 70 acompañado por Salvador Dalí, pero lamentablemente nunca puido facelo realidade. Tras isto, foi a súa irmá quen, anos despois e co fin de renderlle homenaxe, decidiu recorrer o trazado inglés en compañía da Real Orde de Cabaleiros de María Pita.

Foi precisamente como froito da súa experiencia no Camiño Inglés como xurdiu a canción Teu Camiñar. Trátase dunha peza orixinal e inédita a cargo de Carolina Rubirosa, que contou para a súa gravación con músicos galegos de primeiro nivel e coa produción de Juan de Dios Martín. Os traballos de gravación iniciados hoxe alongaranse ata o venres e o equipo percorrerá, ademais da Coruña, as localidades de Ferrol, Bruma e Santiago de Compostela dando visibilidade a algúns dos lugares máis emblemáticos da Comunidade.

Iniciativas en marcha

O proxecto deste videoclip forma parte da iniciativa A Coruña, o porto do Camiño presentado polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña á convocatoria O teu Xacobeo, o programa da Xunta dotado con 4,7 millóns como programación previa ao Ano Santo co obxectivo de que sexa unha celebración participativa, descentralizada e sustentable.

Nesta liña, o proxecto presentado pola entidade coruñesa, que conta cunha achega por parte da Administración autonómica de preto de 40.000 euros, contempla diferentes actividades cuxa finalidade é poñer en valor o Camiño Inglés. Así, ademais da gravación deste videoclip, tamén está previsto outras iniciativas como a reedición de folletos e publicacións sobre este trazado, a creación dunha páxina web específica, a organización dunha xornada formativa destinada aos profesionais vinculados co turismo ou a ampliación das visitas teatralizadas nas que se resucita á personaxe histórica do peregrino británico William Wey. Cómpre destacar tamén que no pasado mes de xuño levouse a cabo un espectáculo de video mapping sobre a Torre de Hércules no decimo aniversario da súa declaración como Patrimonio Mundial por parte da Unesco.

O quinto itinerario máis frecuentado

O Camiño Inglés, a ruta que ten na Coruña e Ferrol os seus puntos de inicio en Galicia, é o quinto trazado máis frecuentado polos peregrinos. Proba disto é que nos 8 primeiros meses do ano decidiron percorrer esta vía máis de 12.000 persoas, o que supón un incremento de preto do 15% en relación ao pasado ano.

Este importante crecemento que o Camiño Inglés está a experimentar no último lustro ven acompañado polo compromiso da Xunta de Galicia por poñer en valor este trazado que se materializa en melloras na sinalización do trazado, na creación de novos albergues como o aberto recentemente en Ordes ou o proxectado na Coruña, ou no plan de mantemento que comezará en breve e do que se beneficiarán 18 concellos de toda a provincia grazas a unha achega de preto de 900.000 euros.

R., 2019-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) O conselleiro Román Rodríguez visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Foto de la tercera plana (rozas-ciar.JPG) A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial. O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción.

Notas

Baixo o lema de 'Outra ciencia é posible', a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol) reunirán entre o 2 e o 5 de xuño máis de 800 investigadoras e investigadores no Pazo da Cultura de Pontevedra, co propósito de debater sobre como, desde o campo da ecoloxía, pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a investigación científica.
O Campus Terra da USC será campus de especialización por catro anos máis. Así se acordou no Consello da Xunta que este luns 12 se desenvolveu no Pazo de Montenegro. A decisión tómase logo da visita, a comezos de ano, dun Comité Avaliador que percorreu distintos centros da sede universitaria luguesa, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES