Noticias

En 2020, Galicia acollerá unha reunión do Comité das Rexións sobre O Camiño de Santiago como modelo distinto de turismo en Europa

Que o Comite se reúna en Galicia ven de acordarse en Bruxelas, onde a candidatura galega competía coa proposta da cidade alemá de Wismar, capital de Mecklemburgo Noroccidental. Tras unha votación xeral cargada de incerteza, os membros do CdR elixiron finalmente a candidatura de Galicia, o que permitirá subliñar o carácter europeísta da nosa comunidade como etapa final do Camiño de Santiago e estreitar os vencellos no eido da Unión Europea, asentados nos valores da solidariedade e a concordia.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, anunciou que a proposta galega de actividades externas consistirá nunha reunión dos membros do CdR, xunto a unha conferencia sobre posibles modelos de turismo sustentable na UE, co Camiño de Santiago como caso representativo dentro deste sector económico. Ambas actividades vanse celebrar durante o primeiro semestre do ano 2020 en Santiago de Compostela. Gamallo defendeu a pertinencia da proposta galega ante o resto de representantes rexionais e locais europeos, ao estar directamente relacionada co programa de traballo e as prioridades políticas da Comisión NAT e do propio Comité Europeo das Rexións no tocante ao desafío do turismo sostible.

Sostén o goberno galego que o Camiño de Santiago representa un bo exemplo para outras rexións e cidades europeas que buscan un modelo de turismo capaz de axuntar o desenvolvemento económico e a competividade, coa sustentabilidade dos recursos naturais e o patrimonio, funcionando así mesmo, como elemento vertebrador da cultura rexional e da cohesión social e xeográfica. Ademais, o director xeral tamén remarcou na reunión que o desenvolvemento de novos modelos de turismo debe ir da man dunha progresiva dixitalización e de innovación, para así lograr unha oferta turística atractiva, competitiva e sustentable.

Deste xeito, a Xunta de Galicia organizará en 2020 esta reunión da Comisión NAT sobre o Camiño e outras vías posibles de turismo sustentable nas rexións e cidades da UE, como antesala ao proxecto do Xacobeo 2021. Dentro de dous anos, o Xacobeo 2021 conmemorará en Galicia o Ano Santo Xacobeo para, entre outros obxectivos, destacar e promocionar a riqueza cultural, natural, humana e empresarial do Camiño de Santiago; visibilizar o patrimonio cultural da ruta xacobea; impulsar a dinamización das áreas rurais atravesadas polo Camiño; e convidar ao diálogo sobre este gran itinerario cultural europeo.

Debate sobre o estado actual do sector turístico na Unión Europea

O debate que abriu esta cuarta reunión anual da Comisión NAT titulouse ‘Turismo: novas tendencias, desafíos e solucións’, e foi introducido polo presidente da Comisión NAT, o finés Ossi Martikainen, intervindo como relatores diversos membros do CdR, representantes da Dirección Xeral de Crecemento (DG GROW) da Comisión Europea, xunto ao presidente da Rede de Rexións Europeas para un Turismo Competitivo e Sostible (NECSTouR) da que Galicia forma parte.

Este debate xeral sobre o turismo europeo serviu coma un punto de encontro fronte á preocupación existente tanto nas administracións rexionais e locais da UE coma no propio Comité Europeo das Rexións ante a masificación do turismo europeo. Concretamente, pola presión significativa que sofren as infraestruturas, os recursos naturais e a capacidade de acollida das comunidades locais coa visita, ano tras ano, de miles de millóns de turistas internacionais. Esta situación está levando a algúns dos destinos europeos máis populares (Venecia, Bruxas, Dubrovnik...) a tomar cada vez máis medidas para protexer as súas paisaxes, monumentos e poboacións locais.

Por esta razón, a Comisión NAT decidiu celebrar este debate a fin de estudar a cuestión da sustentabilidade da industria turística europea e o seu impacto nas comunidades locais e rexionais da UE. Esta liña de traballo do Comité Europeo das Rexións respecto ás posibles formas de turismo sustentable entronca cun documento do Consello da UE publicado en maio que indica que o turismo é un dos sectores centrais da economía europea, cuns efectos cada vez máis positivos sobre o crecemento económico, o desenvolvemento rexional e o emprego de toda Europa. Isto é debido a que o sector turístico representa preto do 10% do PIB da Unión e uns 12 millóns de postos de traballo. De feito, a Unión Europea é o primeiro destino turístico mundial, cunha cota de máis do 40% do mercado mundial en 2018.

A Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste mandato, Galicia participa tanto na Comisión de Recursos Naturais (NAT) coma na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT do CdR ocúpase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

R., 2019-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) O conselleiro Román Rodríguez visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Foto de la tercera plana (rozas-ciar.JPG) A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial. O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción.

Notas

Baixo o lema de 'Outra ciencia é posible', a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol) reunirán entre o 2 e o 5 de xuño máis de 800 investigadoras e investigadores no Pazo da Cultura de Pontevedra, co propósito de debater sobre como, desde o campo da ecoloxía, pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a investigación científica.
O Campus Terra da USC será campus de especialización por catro anos máis. Así se acordou no Consello da Xunta que este luns 12 se desenvolveu no Pazo de Montenegro. A decisión tómase logo da visita, a comezos de ano, dun Comité Avaliador que percorreu distintos centros da sede universitaria luguesa, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES