
O vicepresidente da Xunta aclarou que o Goberno galego actuou neste caso con transparencia, rigor e seriedade sen tirar conclusións antes de ter e coñecer o informe. Nesta liña, destacou que é desta maneira como deben actuar as administracións, sobre todo cando se trata dun asunto tan importante como a entrega de 700 millóns de euros que corresponden a Galicia por parte do Goberno, unha contía que é imprescindible para manter o nivel de servizos públicos na comunidade.
Ao mesmo tempo, o conselleiro de Facenda destacou que Galicia afronta unha situación inédita, urxente e sen precedentes por mor dos impagos do Goberno. A Galicia se lle deben 700 millóns de euros e o único que pedimos é o que é noso, sinalou Valeriano Martínez, que insistiu en que se trata de recursos que teñen que ser transferidos si ou si, non hai outra alternativa.
Neste sentido, o titular de Facenda lembrou que a Xunta de Galicia xa puxo de manifesto este problema hai máis dun ano e que o Ministerio de Facenda comprometeuse a solucionalo. Tamén recordou que en xullo enviou unha carta á ministra urxíndolle unha solución a estes impagos, sen que o Goberno galego teña recibido resposta.
Ademais, incidiu na necesidade de que o Ministerio de Facenda convoque xa unha reunión urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, por ser este o órgano multilateral no que están presentes todas as comunidades autónomas. Valeriano Martínez advertiu de que este consello leva máis dun ano sen reunirse, e que Galicia xunto a outras CC.AA- pediu a pasada semana a súa convocatoria, sen que se teña recibido resposta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.