Noticias

Galicia presentará en Bruxelas o vindeiro 8 de outubro a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentará en Bruxelas o vindeiro 8 de outubro a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE). Será a encargada de abrir a participación galega na Semana Europea das Rexións e as Cidades, un evento coordinado polo Comité das Rexións e a Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, que durante os seus catro días de duración ofrecerá un programa con máis de 300 actos previstos e 600 relatores. Durante a segunda xornada de traballo, a Xunta ofrecerá unha conferencia centrada na aportación galega á loita contra o cambio climático a través da presentación da futura EGCCE.

Esta folla de ruta en materia de clima e enerxía ten como obxectivo global acadar a neutralidade climática de Galicia antes do ano 2050 e para conseguilo, aposta pola implementación de enerxías renovables, o aproveitamento da absorción de CO2 dos montes galegos e a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores.

Ademais da mitigación de emisións, a EGCCE prevé outros tres ámbitos de actuación: a adaptación aos efectos do cambio climático, a sensibilización da cidadanía e a investigación e a innovación.

Así, o reforzo da monitorización dos efectos do cambio climático sobre o territorio galego e a mellora de mecanismos de resposta fronte os eventos climáticos extremos son parte fundamental das pautas de adaptación. Do mesmo modo, a transferencia de coñecemento e a mellora da concienciación e educación social e unha boa gobernanza preséntanse como eixes fundamentais para facer fronte a este reto global dende Galicia.

O Pacto dos Alcaldes
A elección de Galicia para representar ás rexións europeas neste evento é un recoñecemento ao seu labor na loita contra o cambio climático. Cómpre lembrar que a Xunta coordina na comunidade desde o ano 2017 a maior iniciativa global contra este fenómeno: o chamado Pacto dos Alcaldes polo clima e a enerxía.

Este movemento impulsado pola Unión Europea agrupa a preto de 10.000 entidades locais repartidas polos cinco continentes, e a día de hoxe son máis de 150 os concellos galegos que xa están adheridos ou en trámites de facelo, polo que o obxectivo do Goberno autonómico é que a totalidade das entidades locais de Galicia formen parte deste proxecto ao longo do ano 2020.

Todos os concellos pertencentes ao Pacto asumen un compromiso de redución de emisións do 40% para o ano 2030 con respecto ao ano 1990, un modo responsable de facer a súa achega individual a frear o quecemento global. Ao tempo, comprométense a planificar unha serie de medidas que fan máis resiliente cada termo municipal fronte aos efectos do cambio climático, nomeadamente, o aumento de temperatura, da frecuencia dos episodios de seca ou chuvia torrencial, o risco de lume forestal ou a suba do nivel do mar.

Estes compromisos están na liña dos obxectivos marcados pola propia Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, o que coloca a Galicia na vangarda da UE en políticas de clima e enerxía e xustifica a súa elección por parte das institucións comunitarias para ofrecer un relatorio sobre a contribución que poden facer as rexións europeas na loita contra o cambio climático.

R., 2019-08-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES