Noticias

Galicia participará de forma activa na Semana Europea das Rexións e das Cidades que terá lugar en Bruxelas en outubro

O Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), organizará en Bruxelas do 7 ao 10 de outubro a Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC nas súas siglas en inglés): un evento de catro días de duración que reúne a máis de 6.000 asistentes e 600 relatores nun programa oficial con máis 300 actos nos que se abordarán as políticas rexionais e locais europeas sobre cohesión e desenvolvemento rexional e urbano. Galicia terá este ano unha participación destacada na EWRC cun total de catro eventos organizados por entidades galegas como a Autoridade Portuaria de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Fundación Galicia Europa (FGE).

A propia Fundación será a encargada de coordinar á representación autonómica durante as fases de preparación e desenvolvemento dos catro actos con participación galega que se celebrarán o vindeiro martes 8 de outubro na capital europea.

A participación de Galicia durante esta segunda xornada da EWRC 2019 abrirase cun evento sobre a achega galega á loita contra o cambio climático, expoñéndose con detalle a finalidade e os obxectivos da Estratexia galega sobre Cambio Climático e Enerxía de cara ao ano 2050. Despois, terá lugar unha exposición sobre a Estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo. Esa mañá tamén haberá un evento de I+D+i sobre o papel das rexións europeas na promoción da transformación dixital das pemes organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Durante este acto, GAIN presentará os resultados dos proxectos I4MS e TETRAMAX nos que se están a desenvolver ferramentas e servizos que incentivan a innovación dixital entre as pemes industriais europeas.

O último evento con participación galega dese día céntrase no futuro da política de cohesión, concretamente, á hora de afrontar os desafíos globais e a necesidade de reformas estruturais que precisa esta importante política pública europea. Neste seminario, organizado pola Fundación Galicia Europa, explicaranse os beneficios que a política de cohesión aporta ás rexións europeas e se proporá un debate sobre o seu futuro financiamento no marco do novo período financieiro 21-27.

Os catro eventos coordinados pola FGE forman parte das 300 sesións programadas para a EWRC 2019, entre as que se atopan laboratorios participativos, obradoiros, charlas, un espazo de exposición, degustacións de produtos rexionais e actividades de networking. Todos estes actos se agruparán en seis bloques temáticos: O futuro da UE e o papel das rexións e das cidades; unha Europa máis próxima aos cidadáns; unha Europa máis verde; unha Europa socialmente máis integrada; unha Europa máis intelixente e unha Europa máis conectada.

Primeiro cume sobre o futuro da mobilidade autónoma

Coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, o día 9 de outubro celebrarase en Bruxelas un gran encontro sobre mobilidade autónoma con representación da industria, das institucións comunitarias e de autoridades rexionais. A cita está organizada polo Grupo Interrexional do Automóbil (Future of the Automotive Industry-CoRAI) do Comité Europeo das Rexións (CdR), do que Galicia é parte activa. No panel e na mostra de proxectos deste cumio europeo vai participar como representante galego o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) presentando o proxecto SISCOGA, un corredor de probas cuxo principal obxectivo é poñer en marcha proxectos relacionados coa condución autónoma e conectada. Posteriormente, haberá un debate político sobre a mobilidade autónoma a nivel local no que participará a Xunta de Galicia.

Novas edicións do programa TecEuropa

A participación da Fundación Galicia Europa na EWRC 2019 coincidirá, no tempo e no espazo, coa oitava edición do seu programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario destinado á formación de persoal de entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos. Tras pecharse a convocatoria para esta 8ª edición o 18 de xullo xa se pode atopar na páxina web da FGE a listaxe de 20 persoas que van participar nesta nova edición do programa formativo. A relación de prazas asignadas é a seguinte: sete técnicos que pertencen a entidades membros do Padroado da FGE, seis técnicos de entidades locais galegas e outros sete de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.

Por outra banda, xa está aberto o prazo de inscrición para a 9ª edición de TecEuropa cuxa primeira parte terá lugar en Bruxelas do 11 ao 15 de novembro, mentres que a segunda parte vaise celebrar en Santiago de Compostela o día 26 de novembro. O prazo para presentar solicitudes se estenderá ata o vindeiro 9 de setembro. As solicitudes e documentación complementaria deben ser presentadas de forma obrigatoria por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Toda a información ao respecto pode atoparse na web da Fundación Galicia Europa.

, 2019-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES