Noticias

'O teu Xacobeo' impulsa rutas de navegación peregrina para vivir o camiño desde as rías

O programa O teu Xacobeo impulsa este verán travesías náuticas xacobeas para completar desde as rías as etapas terrestres do Camiño de Santiago e para dar a coñecer o traxecto da entrada da barca de pedra do Apóstolo desde a bocana da ría de Arousa. As saídas en veleiros poden realizarse desde Vigo, Portonovo, Baiona, Ribeira e a Pobra do Caramiñal, portos que forman parte da chamada Travesía Náutica Xacobea Sur. Os percorridos que saen desde os portos das rías de Vigo e Pontevedra pretenden complementar as etapas a pé do Camiño de Santiago e están concibidas, ademais, co obxectivo de difundir a cultura galega, a gastronomía e a historia de Galicia a través da Ruta Xacobea.

A iniciativa O teu Xacobeo promovida polo Goberno galego, acolle unha ampla oferta de actividades para estender por toda Galicia os valores do vindeiro Xacobeo 21. O programa conta cun investimento de 4,7 millóns de euros para poñer en marcha 352 proxectos espallados por toda Galicia e deseñados por concellos, entidades sen ánimo de lucro e empresas galegas, convidando deste xeito á participación de toda a cidadanía e a descentralización da programación do próximo Ano Santo.

As actividades incluídas na programación de O teu Xacobeo abarcan temáticas como a difusión da cultura, o patrimonio, a gastronomía, o deporte e a arte de Galicia coa vista posta na promoción do Xacobeo 2021. Neste caso, as accións enfocadas cara ás actividades náuticas pretenden promover o turismo náutico galego e promocionar os seus portos deportivos.

Setembro e outubro

As rutas programadas desde Ribeira funcionan con varios horarios de mañá e tarde os martes e venres do mes de agosto. O obxectivo principal é facer o mesmo percorrido que fixo o corpo do Apóstolo, desde o Océano Atlántico ata o cruceiro do parque de Pedra Pateira, en Santa Uxía, considerado a porta de entrada na Ruta Xacobea do mar de Arousa e Ulla. Estas rutas están coordinadas polo Concello de Ribeira.

No mes de setembro e outubro, tamén dentro da programación de O teu Xacobeo, o Concello da Pobra do Caramiñal coordinará unha traslatio cunha ruta en veleiro similar á ofrecida estes días en Ribeira. E tamén desde o 24 de agosto poranse en marcha rutas xacobeas do mar de Arousa a pé que conectarán a Illa de Cortegada co Camiño de Santiago.

Peregrinación desde Irlanda

O teu Xacobeo conta con outros proxectos vinculados á peregrinación por mar como é a recuperación do Noamh Gobrait, unha embarcación tradicional a remo que saíu das costas irlandesas rumbo á Coruña para que a súa tripulación iniciase desde aí a súa peregrinación ata Santiago. Logo de tres veráns remando preto da costa, polo Atlántico, a embarcación alcanzou as costas galegas e os seus peregrinos lograron chegar a Compostela. Un ano máis tarde a embarcación sufriu un accidente no río Miño.

Hoxe, o barco descansa no Museo do Mar de Galicia e O teu Xacobeo ten previsto formar parte da súa restauración, que farán artesáns irlandeses á vista do público que se achegue ao recinto para coñecer a historia deste barco e a dos seus peregrinos.

R., 2019-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES