Noticias

Presentada a candidatura oficial para que a Ribeira Sacra se converta na sétima reserva da biosfera de Galicia

A Ribeira Sacra deu un paso firme na súa aspiración de converterse a medio prazo na sétima reserva da biosfera de Galicia. O Concello de Pantón acolleu a presentación oficial da candidatura coa que os 23 concellos de Lugo e Ourense que abranguen o espazo conformado pola Ribeira Sacra e as Serras do Oribio e Courel aspiran a conseguir este recoñecemento de carácter internacional xestionado e concedido pola Unesco. Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta. Galicia xa conta con seis reservas da biosfera que representan arredor do 25% do territorio da comunidade.

O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia desta candidatura para reforzar e completar a protección dos elementos máis senlleiros que conforman o patrimonio natural galego e axudar a fomentar o respecto polo medio ambiente.

Neste sentido, lembrou que Galicia xa conta con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade. Coa incorporación da reserva da biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio.

O documento que avala a candidatura da Ribeira Sacra farase público mañá, como avanzou a conselleira, coa publicación no DOG do anuncio polo que se abrirá durante un mes un período de información pública para que calquera persoa ou entidade interesada en enriquecer a proposta orixinal poida facer as súas alegacións ou suxestións.

Unha vez avaliadas as achegas que se reciban nesta fase e incorporados os cambios que se estimen oportunos, o seguinte paso será remitir o documento, previsiblemente antes de que remate este ano, á Secretaría do Comité Español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

De conseguilo, apuntou a conselleira, sería un “mérito de todos” e a recompensa a máis de dous anos de duro traballo durante os que a Xunta de Galicia mantivo un diálogo constante con todos os axentes implicados e con intereses na declaración, entre eles concellos, grupos de desenvolvemento rural, universidades, sector turístico e outros colectivos, aos que agradeceu a súa importante contribución e a axuda á hora de perfilar esta proposta.

18 concellos de Lugo e 5 de Ourense

O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), Pablo Ramil, foi o encargado de facer a presentación técnica da candidatura da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, unha zona que aglutina en total a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela) e cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira).

Trátase, como explicou, dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta.

Neste sentido, a conselleira indicou que, se a candidatura presentada hoxe prospera e supera todos os requisitos e condicionantes establecidos para a súa declaración, este territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense estaría en disposición de obter un triplo recoñecemento por parte da Unesco.

Así, lembrou que o pasado mes de abril as Montañas do Courel obtiñan a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia. Pero ademais, engadiu que a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial ou da Humanidade, o que permitiría que esta zona acadase o triple recoñecemento.

Nova liña de axudas

Por último, a responsable galega de Medio Ambiente tamén aproveitou a presentación para anunciar que mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha liña de axudas específica para financiar actuacións municipais que permitan poñer en valor as reservas da biosfera existentes na comunidade.

É a primeira vez que a Xunta pon a disposición dos concellos estas subvencións, dotadas para este ano cunha partida de 600.000 euros e coas que, explicou, o seu departamento quere potenciar a figura das reservas da biosfera porque son “un gran pulmón” para Galicia e unha “parte fundamental” do noso territorio a nivel natural, ambiental e tamén desde o punto de vista da biodiversidade.

R., 2019-08-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES