Noticias

O Gaiás acolle espectáculos acrobáticos, teatro e ata un circo de bechos xigantes na novena edición da 'Cidade Imaxinaria'

A Cidade da Cultura celebra o vindeiro sábado 24 de agosto unha nova edición do festival Cidade Imaxinaria, convidando as familias a gozar dunha tarde lúdica ao aire libre, con entrada de balde, que transforma o complexo do Gaiás nun sorprendente mundo de fantasía. Visitar o incrible circo de bechos xigantes do dr. Mezzo, converterse nunha marioneta de carne e óso controlada por dedos mecánicos, abraiarse con extraordinarios saltos, voos e viravoltas que quitan o alento ou compartir danza e risos con tres simpáticos hipopótamos azuis. Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura.

Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos da casa poderán gozar de catro horas ininterrompidas de diversión –de 16,00 a 20,00 horas– garantida polos malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.

A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada. Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde desenvolverase un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.

Escola de saltimbanquis e espazo para bebés

A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non faltará tampouco á súa cita co agosto compostelán e volverá despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.

Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, contarase cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela. Ademais, no caso de chuvia os espectáculos trasladaranse a espazos no interior do Museo Centro Gaiás e do Edificio CINC para que todas as persoas que se acheguen poidan gozar ao enxoito desta programación lúdica. Toda a información sobre Cidade Imaxinaria pode consultarse en cidadedacultura.gal

R., 2019-08-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES