
Así, a anomalía media que rexistraron os termómetros neste período foi de 0,73 graos máis respecto ao habitual, unha desviación que permite concluír que este inverno, cunha temperatura media de 9,2 graos centígrados, foi cálido no conxunto da comunidade.
En canto á análise detallada por meses, cómpre subliñar que foi unha estación marcada polos extremos. De feito, decembro e febreiro foron moi cálidos debido á influencia das borrascas atlánticas e ás situacións anticiclónicas que se viviron durante gran parte destes meses. O inverno precedente máis cálido foi o de 2015-2016.
No caso concreto de febreiro, hai que remontarse ata o ano 2008 para atopar un mes no que tanto as temperaturas máximas como as medias fosen máis altas. Pola contra, xaneiro foi moi frío, cun predominio de ceos despexados e bo tempo sobre todo durante a primeira quincena que o sitúan como o mes máis frío rexistrado en Galicia desde 2006.
Polo que respecta ás precipitacións, a estación caracterizouse en xeral na comunidade por ser seca, cun déficit hídrico do 27% respecto aos valores habituais para esta época do ano. Así, tendo en conta os datos das 16 estacións meteorolóxicas máis representativas, os valores medios de chuvia recollida en Galicia foron de 323 litros por metro cadrado, mentres que as cifras máis baixas de precipitacións déronse no municipio de Verín e na comarca de Valdeorras, onde non se chegou a 50 litros por metro cadrado.
Con todo, tamén houbo excepcións e nas comarcas lucenses de Ancares e A Fonsagrada, por exemplo, recolleuse neste trimestre un 68% máis de precipitacións do habitual para ambas zonas.
Analizando en conxunto as precipitacións rexistradas durante o pasado trimestre, non habería que remontarse moito para atopar un precedente máis seco en Galicia xa que no inverno 2016-2017 o déficit hídrico situouse no 36%.
Por último, e tendo en conta a análise mes a mes que figura no informe, o comportamento da estación en canto á chuvia tampouco foi homoxéneo. Decembro e febreiro foron meses secos, con déficits hídricos do 32% e do 53%, respectivamente, en comparación cos valores habituais. Xaneiro, en cambio, presentou rexistros normais para esta época do ano, grazas sobre todo ás intensas chuvias recollidas en tres xornadas concretas: os días 19, 30 e 31.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.