
Elas son tamén as protagonistas no segundo filme da xornada inaugural do ciclo, que se proxecta ás 20,30 h. Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, recolle a conversa dun grupo de amigas na trintena arredor das súas experiencias coa violencia machista, entendida nun sentido amplo, como aquela que pode exercerse con comentarios ou olladas, a que se respira na rúa ou a que provoca o temor das mulleres cando volven solas a casa pola noite.
Nun segundo treito da película, ese debate é confrontado con mulleres doutra xeración maior e finalmente levan a conversa crítica ao eido da educación secundaria, traballando os mesmos conceptos con alumnado adolescente. Tódalas mulleres que coñezo mostra como a educación en feminismo é aínda unha materia pendente e chama o público a reflexionar ante un debate candente na era do MeToo.
O devandito filme funciona como declaración de intencións dun ciclo no que tamén poderán verse Trinta lumes, de Diana Toucedo, o xoves 7, ás 18,00 e ás 20,30 h. e Correspondencias, da realizadora lisboeta Rita Azevedo Gomes o venres 8, ás 19,30 h.
A nena azul, título co que Sandra Sánchez acaba de conseguir o Premio Mestre Mateo do audiovisual galego á mellor curtametraxe, pechará o ciclo Olladas de muller o sábado 9 nunha sesión que dará comezo ás 18,00 h. e que incluirá outras tres fitas: Sombra luminosa, dos portugueses Mariana Caló e Francisco Queimadela; Un ollo de vidro, de Noela Gutiérrez, e Un país extraño, de Laura Pousa.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.