
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe, na rolda de prensa do Consello, as primeiras estimacións do Instituto Galego de Estatística sobre a evolución da economía galega no ano 2018.
Durante a súa intervención, Feijóo destacou o dato de crecemento da Comunidade, do 2,8%, que cualificou como excelente e explicou que esta cifra, que está por riba da do Estado e da media da Eurozona, supuxo a creación de 19.000 empregos a tempo completo. Ademais, dixo, superáronse as previsións establecidas no Plan estratéxico para período 2015-2020 do 2,5% e cumpríronse as estimacións macroeconómicas do Goberno galego.
Nese sentido, o presidente da Xunta sinalou os factores que explican este bo comportamento económico. O consumo, cun incremento do 2,2% con respecto ao ano anterior, a formación bruta de capital, un indicador que mide o impacto dos investimentos empresariais e que medrou un 7% e as exportacións que avanzaron un 3,4% máis que o conxunto da economía galega. En definitiva, dixo, a nosa Comunidade continúa medrando con forza, converxendo cos países da súa contorna e creando emprego de calidade.
A continuación e noutra orde de cousas, o mandatario galego, proseguiu o seu discurso dando a coñecer a nova Estratexia de responsabilidade social empresarial. Unha folla de ruta que segundo indicou impulsará ata o ano 2021 un total de 30 medidas para construír unha Galicia máis igualitaria, responsable e competitiva que se estruturará en tres eixos: empresas con valores, administracións con valores e sociedade con valores. A Xunta ten que ser a primeira en dar exemplo engadiu.
No tocante ao investimento, Feijóo explicou que este plan contará cun orzamento de 50M para, entre outras cuestións, fomentar compromisos económicos, ambientais e sociais; promover comportamentos voluntarios nas empresas que vaian máis alá da lexislación vixente; integrar condutas responsables e favorecer un diálogo aberto e transparente cos grupos referentes nesta materia.
Xa para rematar, o presidente da Xunta fixo fincapé nos obxectivos da citada estratexia que pasarían por incrementar un 15% o nivel de coñecemento da responsabilidade social empresarial, aumentar un 65% o número de firmas cun alto grao de implantación, incrementar un 25% os plans de igualdade, reducir a fenda dixital un 25% ou acadar un crecemento do 15% na oferta de contratos públicos que inclúan cláusulas sociais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.