Noticias

Galicia, Asturias e Castela e León solicitan ao Goberno un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico en competitividade e emprego

Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI. Unhas actuacións que se cifran nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia, Asturias e Castela e León solicitarán ao Goberno central un programa de actuacións e a demanda de financiamento comunitario para transformar o Corredor Atlántico de Mercadorías en sinónimo de competitividade, progreso económico e emprego; para transformar liñas ferroviarias deseñadas no século XIX, nun ferrocarril de mercadorías que lle permita ao Noroeste competir na Europa do século XXI.

Unhas actuacións que o responsable do Executivo galego cifrou nun investimento de preto de 3.000 millóns de euros para optar ao cofinanciamento con fondos europeos.

“Móvenos a defensa das nosas industrias, dos nosos traballadores, dos nosos portos, da nosa competitividade e a defensa lexítima da equidade, da solidariedade entre os territorios que conformamos España”, dixo Feijóo, durante a clausura do Encontro para o impulso do Corredor Atlántico Noroeste, ao tempo que incidiu en que a alianza destas tres comunidades constitúese a favor de todos e en contenda con ninguén; baixo a vontade de estar máis cerca e máis dentro de España e de Europa.

Unha España e unha Europa que deben apuntalar a súa solidez económica, loxística e comercial para facer fronte aos potentes competidores asiáticos; e que asumiron como obxectivos o fomento da economía baixa en carbono, potenciando, entre outras cuestións, o transporte ferroviario como alternativa ao tráfico rodado, que produce preto da quinta parte das emisións de efecto invernadoiro do continente.

Nesta liña, fixo fincapé en que só cunha rede ferroviaria de transporte de mercadorías moderna, rápida e fiable se poderá conectar o tecido empresarial do noroeste con Europa en condicións competitivas en canto a prezo, tempos de dispoñibilidade ou mesmo servizos de postvenda. E máis aínda tendo en conta que, ata o 50% do prezo final dun produto pode vir determinado polo transporte.

“E buscamos, tamén, beneficios para os nosos portos e plataformas loxísticas, que mediante o impulso da intermodalidade terán máis posibilidades de aproveitar a súa posición xeográfica estratéxica e competir por novas actividades e investimentos”, engadiu. Uns beneficios que, segundo afirmou, poden multiplicarse se se confirma que a incorporación do Noroeste é completa e inclúe a liña Vigo-Porto, en correspondencia co territorio da macrorrexión.

Se a unidade política, económica e social das tres comunidades fixo posible que a Comisión Europea aceptase a proposta de incluír no Corredor Atlántico os itinerarios ferroviarios que van desde Venta de Baños (en Palencia) e León ata Xixón, Vigo e A Coruña, pasando por Ourense e Monforte de Lemos, o responsable do Executivo galego aseverou que, grazas á concertación de esforzos, aquela meta que entón semellaba case unha quimera, hoxe atópase “ao alcance das nosas mans”.

Ao respecto, sostivo que as demandas individuais serían febles e dificilmente terían conseguido corrixir o rumbo deste Corredor Atlántico que, errónea e inxustamente, esquecía Galicia, Asturias e gran parte de Castela e León. Non en van, trátase dun territorio comercialmente estratéxico por ser o extremo occidental do continente, con 7 portos de interese xeral do Estado e novas plataformas loxísticas que multiplican a capacidade loxística das dársenas.

“Ese primeiro triunfo foi o comezo dunha nova misión: acadar que a entrada do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías sexa algo máis que un trazo nos mapas”, abundou.

Facer da cooperación a forma de estar en Europa e tamén en España

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego quixo agradecer a presenza dos representantes institucionais, empresariais e sindicais para “xuntos, deseñar o escenario que queremos que se execute no futuro”. E trasladou o desexo de seguir profundando nesa aposta polo diálogo e a cooperación.

“A defensa do Corredor Atlántico é unha referencia: conseguiu unha inédita concertación en todos os ámbitos, polo que estou seguro de que, se a mantemos viva, ese primeiro éxito que alcanzamos terá continuidade en forma de investimentos e de aí, en oportunidades, riqueza e emprego”, sentenciou.

Sobre este aspecto, o responsable do Goberno galego lembrou que a aposta pola colaboración territorial foi e é unha constante na acción da Xunta. “Este encontro segue o camiño emprendido polo presidente Fraga, que entendeu, xa ao inicio dos 90, a necesidade de unir os intereses lexítimos dun noroeste peninsular, que non só dun noroeste español”, dixo.

Empezaba así un diálogo e un intercambio cada vez máis intenso entre Galicia e o Norte de Portugal que daría lugar á primeira eurorrexión constituída na Península Ibérica. E, ese espazo, lonxe de amurallarse, foise ampliando progresivamente, ata a RESOE –a macrorrexión do sudeste europeo-, primeiro con Castela e León en 2010, posteriormente, xa en 2014, con Asturias e o centro de Portugal, e máis recentemente, en 2017, tamén con Cantabria. “De novo os territorios do norte peninsular, considerados periféricos, fomos pioneiros na decisión de compartir recursos para ser un único actor de primeiro nivel na Europa do século XXI, a través da cooperación no transporte, a industria, a educación superior, o turismo ou a demografía. Fixemos da cooperación a nosa forma de estar en Europa e tamén en España”, afirmou, destacando que, mentres outros optaban por un destrutivo illamento, Castela e León, Asturias e Galicia apuntalaban o edificio da colaboración, selando en Oviedo un acordo para defender o marco xurídico estatal, posturas comúns sobre os incendios forestais ou a sustentabilidade do sistema de benestar, no contexto do envellecemento.

Ese espazo foi crecendo e convencendo ata alcanzar o 50% do territorio de España. E, o pasado 10 de setembro, as tres autonomías asinaron con Aragón, A Rioxa e Castela a Mancha unha declaración institucional en defensa dun novo modelo de financiamento autonómico e dunha resposta ao serio reto demográfico.

“Os gobernos de Castela e León, Asturias e Galicia abordamos antes, conxuntamente, e con outras comunidades, as preocupacións comúns. Inquietudes, pero tamén oportunidades compartidas, como o Camiño de Santiago que ten ante si o reto de facer do próximo Ano Santo 2021 o mellor da historia”, concluíu, facendo fincapé en que hai moitos asuntos que esixen profundar na reflexión conxunta, a suma de esforzos e a confluencia de vontades.

R., 2019-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ángel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES