Noticias

Galicia contará cun Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño

Galicia terá un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos caldos e das comarcas que representan. Este plan, denominado 'Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas', contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola. O primeiro paso será un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados.

A Xunta elaborará un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe do viño de Galicia co obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos caldos e das comarcas que representan. Así o anunciaron os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

Durante unha presentación ante o sector vitivinícola e os representantes das denominacións de orixe galegas, os representantes do Goberno galego explicaron que este plan, denominado Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas, contará coa participación de todos os axentes clave do territorio e que pretende mellorar a coordinación público-privada para fomentar o desenvolvemento territorial a partir do sector vitivinícola.

Nesta liña, José González explicou que como primeiro paso farase un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial. A este traballo, engadiu, sumaranse as tendencias de consumo e do mercado vinícola a nivel español e internacional. Así, no ámbito turístico, o plan analizará o sector recollendo aquelas instalacións, servizos e atractivos turísticos presentes nestas comarcas. De feito, a Xunta quere reforzar as vinculacións das denominacións de orixe dos viños cos lugares nos que están asentadas para fortalecer así o seu vínculo co patrimonio natural e cultural.

Unha vez se teña o diagnóstico da situación, o obxectivo deste novo plan galego é establecer os eixos para guiar o futuro do ámbito territorial de cada denominación de orixe de forma individual pero tamén en conxunto. Búscase crear unha estratexia común e coordinada atendendo ás particularidades de cada contorna.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo alusión ás iniciativas promocionais que está a impulsar o Goberno galego, unidas a melloras como a sinalización das rutas dos viños, iniciada o pasado ano en Rías Baixas e O Ribeiro e que se completará este ano coas restantes: Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Así mesmo, avanzou que nos próximos meses tamén se traballará intensamente no desenvolvemento da nova estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, que foi avaliada a semana pasada no Consello da Xunta.

Román Rodríguez Galicia lembrou que Galicia “é un destino cunha gastronomía e unha cultura do viño auténtica, con personalidade, que propón unha oferta baseada na súa identidade cultural, na diversidade de paisaxes e na riqueza e variedade de produtos de proximidade e de tempada”. Así mesmo, puxo en valor unha cociña que sabe combinar de forma natural tradición e innovación grazas ao bo facer dos seus profesionais

Sector vitivinícola

O conselleiro do Medio Rural lembrou que o sector do viño en Galicia implica a máis de 15.000 viticultores e 400 bodegas. No que se refire á superficie, calcúlase que na nosa comunidade existen unhas 9.000 hectáreas de viñedos que producen uns 60 millóns de quilos ao ano.

R., 2019-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES