Noticias

O goberno galego ratifica a profunda preocupación ante os PXE 2019 que discriminan a Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe a profunda preocupación e decepción ante o Proxecto de lei de presupostos xerais do Estado 2019. Considera que non son uns presupostos realistas, van incrementar os impostos das familias galegas e hai unha baixada intensa nos investimentos. Logo de que o proxecto de lei fose presentado nas Cortes, Feijóo explicou, nun primeiro termo, que as contas xerais prevén un incremento do gasto non financeiro de máis do 5%, que se sustenta nunha previsión de ingresos inverosímil, ao recoller un aumento da recadación fiscal de máis de 20.000 millóns de euros, a pesar de situarse nun contexto de menor crecemento económico e de previsible redución dos beneficios empresariais.

En segundo lugar, o titular da Xunta precisou que os presupostos presentados como sociais, prevén unha suba de impostos indiscriminada e cun impacto directo nas rendas medias e baixas. Así, a pesar de que as propias contas recoñecen certa desaceleración, penalízase a milleiros de cidadáns, autónomos e pequenas e medianas empresas co imposto ao combustible.

Sobre este punto, cómpre subliñar que, tendo en conta que o 85% do combustible que se consume en automoción é diésel, os condutores da Comunidade, por exemplo, e con independencia do seu nivel de renda, pagarán 70 millóns de euros máis ao ano.

O presidente da Xunta incidiu en que, aínda que sobe o gasto en máis dun 5%, reduce o investimento en Galicia en preto dun 19%. En contraste co que acontece noutras comunidades autónomas, como Cataluña, onde o investimento medra un 67%, ou a Comunidade Valenciana, onde sobe un 61%.

Abundou en que estamos ante un orzamento que sitúa Galicia como a comunidade onde máis baixa o investimento do Estado, con arredor de 165 millóns de euros menos que en 2018. “O Ministerio de Fomento ten que refacer claramente o presuposto do Estado“, incidiu.


Nesta mesma liña, subliñou que esa discriminación é máis marcada en cuestión de infraestruturas, xa que o orzamento prevé un aumento importante dos investimentos en obra pública. De feito, o presuposto do Ministerio de Fomento medra en máis dun 23% en termos xerais; e o investimento territorializado sobe máis aínda: un 26%, “case exactamente a mesma porcentaxe que descende en Galicia”.

O presidente da Xunta sinalou que en materia de investimentos, é “un presuposto discriminatorio”. Observou que o Ministerio de Fomento incrementa de forma significativa o importe de practicamente todas as súas liñas de gasto no conxunto do Estado, pero, no entanto, as reduce en Galicia.

En materia de ferrocarril, Feijóo resaltou que os presupostos conteñen exclusivamente as partidas necesarias para cumprir o calendario de finalización das obras do AVE de conexión coa Meseta e o compromiso de estender a Lugo os beneficios da alta velocidade ferroviaria.

Pola contra, o presidente da Xunta incidiu “no aprazamento sine die da mellora da conectividade Vigo – Ourense e Coruña – Ferrol”. Expresou ademais a preocupación ante o descoñecemento de se estas contas recollen as partidas de gasto: en material rodante de última xeración, os trens Avril, que garantan un funcionamento competitivo en frecuencias e velocidades da liña do AVE a Galicia; e para as estacións intermodais.

En materia de estradas, o presidente da Xunta subliñou que, nun momento en que se anuncian liberacións de peaxe noutros puntos de España e rebaixas de ata o 30% nas autoestradas rescatadas -mentres que Galicia soporta unha escalada inasumible das tarifas da AP-9-, o Goberno reduce a practicamente cero euros o investimento nas planificadas, demandadas e agardadas nesa autoestrada para garantir a súa plena funcionalidade. Obras que, en varios casos, contan con proxectos aprobados e que poderían empezar a executarse xa: Alfonso Molina e Vial 18 na Coruña; enlace Orbital en Santiago; nó de Bombeiros en Pontevedra; e a remodelación do enlace de Buenos Aires en Vigo

Así mesmo, non se recolle tampouco a supresión da peaxe de Rande, comprometida polo Goberno, nin se prevé tampouco partidas para ningunha das outras obras viarias sinaladas como fundamentais: os novos treitos da Circunvalación de Pontevedra; a nova Autovía Vigo-Porriño; a Autovía da Mariña ou a Autovía Lugo-Ourense.

E mesmo se rompen compromisos expresos. Así: prevense 0 euros en 2019 para Variante Norte de Ourense pese ao compromiso de licitación inmediata; a variante de Ponteareas, para a que existe un convenio de que a constrúe o Ministerio, agora se atribúe á Xunta cunha achega mínima do Estado; e na Autovía Santiago–Lugo, fundamental para o Xacobeo 21, non só non se acurtan os prazos, senón que minoran as partidas previstas.

O presidente da Xunta afirmou que “é o peor investimento desde 2002” e engadiu que “nos preocupa o presuposto do ano 2019 e nos alarma as previsións en materia de investimentos de estradas e de ferrocarril para os anos 2020 e seguintes”. “Imos pedir o que Galicia tiña e non imos admitir que se lle quite o que Galicia xa tiña. Podemos discutir se hai que poñer máis do que tiña. O que non podemos aceptar é que se diminúan os compromisos do Estado con Galicia que estaban comprometidos e solemnizados en presupostos anteriores”, concluíu.

R., 2018-01-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES