Noticias

O programa de residencias do CDG presenta no Salón Teatro tres pezas de Proxecto Pank con Funboa Escénica

O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, achegaralle ao público tres pezas escénicas asinadas por Proxecto Pank e Funboa Escénica. Este Ciclo Pank 2019 arrancará co espectáculo Masa madre + Sal marina, que o binomio creativo formado por Cristina Balboa e Manuel Parra García representará este venres 11 e o sábado 12 de xaneiro, ás 20,30 h. O domingo 13, o pano levantarase ás 18,00 h. para Eso que vi, mentres que o xoves 17, ás 20,30 h., Cristina Balboa compartirá cos espectadores o traballo creativo arredor de O que segue, a súa nova proposta, en proceso de desenvolvemento.

Proxecto Pank + Funboa Escénica é un dos cinco colectivos artísticos que estarán en residencia no Salón Teatro durante esta temporada 2018-2019. A través do seu programa de estadías, o Centro Dramático Galego pon a disposición destas compañías as instalacións da súa sede e o apoio do equipo técnico para ultimar ou perfeccionar as súas propostas, moitas delas enmarcadas ademais na iniciativa Dramaturxente para o apoio, fomento e promoción das novas dramaturxias galegas.

O punk en escena

É o caso de Masa madre + Sal marina, a peza coa que dá comezo o Ciclo Pank esta fin de semana e para a que contaron co apoio do fondo internacional Iberescena a través das súas axudas á creación dramatúrxica e coreográfica. A peza toma o seu título da canción que naceu do encontro entre os seus creadores e intérpretes, no que decidiron que querían facer teatro xuntos. Nas súas palabras, axiña cambiaron de idea para intentar dedicarse á música, compensado a súa falta de talento musical co entusiasmo que lles produce escoitar un “temazo” ou formar parte del, xa que o seu soño compartido é o de ser estrelas do punk.

O domingo será Manuel Parra García quen suba as táboas en solitario con Eso que vi, unha peza escénica para “activarse en público ou lerse en solitario”, que amosa a influencia das imaxes televisivas e do cinema mexicano no corpo do artista exiliado Estanislao Barrientos. Empregando recursos da novela, a crónica, o thriller e a écfrase, Barrientos describe algunhas pasaxes da súa vida en paralelo coa historia do país convulsionado que lle tocou habitar.

Xa a semana que vén, o xoves 17 será Cristina Balboa quen lle achegará ao público compostelán o work in progress de O que segue, proxecto no que a artista comparte as súas fantasías sobre o éxito, que a levan a seguir buscando a idea perfecta para o seu espectáculo.

A entrada para O que segue será gratuíta, previo paso polo despacho de billetes do Salón Teatro. Pola súa banda, os billetes para Masa madre + Sal marina e Eso que vi están xa á venda en entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443 a un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) e de 5 euros (tarifa única do Día do Espectador), respectivamente. Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións, onde tamén estará dispoñible un bono de 10 euros para os tres espectáculos.

R., 2019-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES