Noticias

Entregados os Premios Artesanía de Galicia 2018 á creatividade e á innovación dos profesionais do sector

Os galardóns que hoxe se entregaron contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2018 (dirixido a obradoiros artesáns que representen as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual); Premio Traxectoria, de carácter honorífico (recoñecemento proposto polo propio sector); e Bolsa Eloy Gesto, que busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2018, celebrada na Cidade da Cultura, que con estes galardóns se busca protexer e dar prestixio á artesanía galega, recoñecendo ás empresas artesanais a súa creatividade, adaptación ás tendencias de mercado e a súa aposta pola innovación.

Neste sentido, Conde destacou que estes premios naceron do compromiso da Xunta coa artesanía galega e co obxectivo de visibilizar a súa importancia social, patrimonial e económica. Ao mesmo tempo, afiánzase un sector artesán competitivo, consolídase o compromiso e prestixio da marca Artesanía de Galicia e poténciase a innovación e a cooperación con outros sectores produtivos.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou o labor dos artesáns, fundamental para poñer en valor a tradición e a cultura, e que ten tamén un importante papel na actividade económica, contribuíndo á creación de emprego e riqueza e diversificando o rural galego. Así, o sector conta con preto de 3000 artesáns rexistrados, 600 obradoiros e dá traballo a 5000 persoas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que a Xunta está comprometida con este colectivo, apostando polo talento, a formación, a innovación e a internacionalización. Entre outras iniciativas, está o programa para impulsar a remuda xeracional, coa incorporación de medio cento de aprendices para formarse nos obradoiros.

Recoñecementos á traxectoria, ao talento emerxente e á mellor obra

Os galardóns que hoxe se entregaron contan con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia 2018, dotado con 6000 euros; Premio Traxectoria, de carácter honorífico; e Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio.

O Premio Artesanía de Galicia está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Prémiase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Nesta edición recae en Ana Tenorio, do obradoiro de cerámica Witchneeds, de Vigo, por O bosque interior. Trátase dun xogo de café que fai un tributo á natureza, reflexionando sobre a interacción coa mesma.

O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun recoñecemento proposto polo propio sector. O homenaxeado este ano é Manuel Castro Romero “Lolo”, torneiro das Pontes, cuxa candidatura foi presentada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA). Este artesán conta con 55 anos dedicado a un oficio con longa tradición na súa familia. Trátase dun dos mellores torneiros de madeira de Europa, que segue a ter un papel fundamental na divulgación e na transmisión do oficio do torneado de madeira, así como no fomento da remuda xeracional no sector.

A través da Bolsa Eloy Gesto a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización. A premiada é Cristina Velasco, do obradoiro coruñés Anaquiños de papel, especializado en origami e paperart, técnicas coas que elaboran flores, animais, tocados ou lámpadas.

R., 2018-12-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES