Noticias

O Sergas atende cada día un total de 7.000 urxencias, 3.000 delas nos servizos hospitalarios

Os dispositivos de urxencias do Servizo Galego de Saúde atenden cada día 7.000 urxencias na nosa comunidade, 3.000 delas nos servizos hospitalarios da rede sanitaria pública. Así o destacou hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen remarcou que os servizos de urxencias dos hospitais do Sergas son un dos servizos mellor valorados pola cidadanía galega. Neste senso, lembrou que segundo os datos do Barómetro sanitario, o 84,7% da poboación galega considera bo ou moi bo este servizo, o que supón 6,6 puntos porcentuais máis que o da media do Sistema Nacional de Saúde (78,1%).

Tamén subliñou que os servizos de urxencias dos hospitais públicos galegos están adecuadamente dotados tanto en recursos humanos como materiais, para prestar a asistencia sanitaria urxente que demandan os pacientes cos estándares de calidade e seguridade adecuados.

Segundo detallou Almuiña, cando se produce un incremento da demanda realízase unha adaptación do modelo de asistencia co obxectivo de garantir a atención a todos os pacientes que acoden a estes dispositivos. Ademais, o Sergas dispón de plans de continxencia que recollen a planificación das accións a levar a cabo nos distintos centros.

O titular da carteira sanitaria destacou que o Sergas ten renovado e reforzado as infraestruturas dos servizos de urxencias e que seguen as melloras. Así, nos últimos anos, leváronse a cabo ampliacións e unidades de nova creación nos servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; no Hospital do Salnés; no Hospital Montecelo; na área de curta estadía das urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; así como no Hospital da Costa. Xunto con iso, implantáronse os protocolos para a atención de patoloxías tempo dependentes como o infarto, o ictus e a sepse.

Urxencias no Hospital de Santiago

No que atinxe en concreto á actividade asistencial do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Almuiña sinalou que nos nove meses do que vai de ano atendeu 116.772 urxencias, o que supón unha media diaria de 427, fronte ás 424 do ano anterior, destacando que para atender as urxencias de adultos conta cun coordinador, 44 facultativos, 70 enfermeiros, 44 auxiliares de enfermería, e 35 celadores, e si a demanda asistencial é moi alta refórzase con máis persoal segundo as necesidades. En canto á dotación do persoal de urxencias pediátricas, conta con 3 pediatras de garda, 7 profesionais de enfermería, 6 auxiliares e unha supervisora.

Ademais, o titular da carteira sanitaria de Galicia subliñou que tras a remodelación estrutural do servizo realizada en setembro pasado, que permitiu dotar de 7 boxes máis á área de Urxencias do CHUS, estase levando a cabo un estudo funcional de necesidades. A avaliación do mesmo a está a efectuar un grupo de traballo integrado por profesionais de Urxencias. “Isto non quita que nos servizos de urxencias tódolos días do ano esteamos a reavaliar as necesidades debido ao carácter da actividade urxente que, por definición, non é planificable”, remarcou o conselleiro.

Na súa intervención, Almuiña indicou que o Sergas conta con profesionais de alta cualificación e formación así como con infraestruturas e equipamentos de calidade, traballando con protocolos e sistemas de información que permiten o desenvolvemento do seu traballo nas mellores condicións.

Tamén incidiu na importancia da atención primaria, que foi quen de acadar un nivel de resolución de urxencias no seus Puntos de Atención Continuada do 91,2% no pasado ano. Destacou, tamén, outros programas do seu departamento que permiten que os pacientes non teñan que achegarse aos hospitais para ser atendidos, como é o TELEA ou a hospitalización a domicilio, ademais do traballo que realiza o 061.

R., 2018-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES