Noticias

A Deputación da Coruña aproba un orzamento de 183,6 millóns de euros co Plan Único como principal programa de investimentos

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, o orzamento da institución provincial para o exercicio 2019, que ascende a 183.609.300 de euros. Isto supón un incremento de 4,65 millóns de euros, un 2,60% máis que no presente exercicio. Un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, polo que se manterá a situación de “débeda cero”.

O deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira, foi o encargado de explicar ante o pleno o proxecto do Orzamentos do goberno provincial, que terá como principal programa de investimentos o Plan Único (POS+2019), dotado cun orzamento inicial de 61,5 millóns de euros (44,7 millóns consignados no orzamento e 16,8 millóns xa aprobados nun expediente de modificación de créditos no pleno do pasado mes de setembro ), unha cantidade que representa un terzo do total do orzamento aprobado hoxe. Esta cifra, ao igual que nos anos anteriores, irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes.

Antonio Leira explicou que este plan supón “un novo modelo de cooperación cos concellos”, que distribúe os fondos en base a criterios obxectivos e da resposta ás necesidades concretas de cada municipio. “Co Plan Único, este Goberno parte dunha premisa fundamental: a autonomía municipal”, afirmou Leira, que incidiu na importancia de que sexan os propios concellos os que decidan en qué invisten os fondos que lles achega a Deputación.

Soben as partidas de Emprego, Acción Social, Cultura e Deportes

Segundo explicou o deputado de Economía, a área que máis incrementa o seu peso nos orzamentos da Deputación para o 2019, é a área de Promoción Económica e Emprego, que estará dotada con preto de 20,5 millóns de euros, un 32,5% máis que o exercicio anterior.

Unha suba que amosa a aposta do goberno provincial pola creación de emprego, pois dentro desta área figuran programas estratéxicos coma o Plan de Emprego Local (PEL), que sobe un 25%, pasando de 7,8 a 9,8 millóns de euros en 2019.

Nos seus primeiros dous anos de actividade, o PEL axudou a máis de 2.500 persoas a atopar un emprego ou pór en marcha unha idea de negocio a través das súas diferentes liñas de apoio para concellos, pequenas empresas e emprendedores, que volverán a convocarse en 2019.

Dentro da área de Promoción Económica inclúense tamén as diferentes liñas de axudas ao sector primario (gandería, agricultura e pesca) ou a achega de 3,5 millóns da Deputación para financiar o Consorcio Provincial Contraincendios.

Cultura e Deportes, con 15,1 millóns consignados (un 10,76% máis); Acción Social, con 11,8 millóns (+ 8,7%) e Vías e Obras, con 18,8 millóns (+7,5%) experimentan tamén importantes subas no orzamento de 2019. Baixan as áreas de Medio Ambiente, que pasa de 5,3 a 3,6 millóns (-32%), e Xestión de Plans (-10,6%) ou Asistencia Técnica (-3%).

Programas de mobilidade sostible

Na área de Vías e Obras destacan os 17 millóns de euros consignados para aos Plans de Investimento e Conservación en vías provinciais e á construción de novas travesías e sendas peonís na rede provincial de estradas.

A Deputación da Coruña segue traballando ademáis noutros programas estratéxicos de mobilidade sostible que suporán un investimento de preto de 11 millóns para a creación de 128 quilómetros de vías ciclistas como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou a Vía Verde Santiago-Cerceda.

A Deputación da Coruña manterá conxeladas as tarifas das taxas e prezos públicos en 2019. O goberno provincial incrementou neste mandato do 90 ao 98% a porcentaxe da entrega a conta aos concellos que teñen delegada na Deputación a recadación dos seus tributos, o que supuxo adiantar, mes a mes, aos concellos coruñeses un total de 157,9 millóns de euros da recadación dos seus impostos, mellorando de forma notable a liquidez dos municipios coruñeses e as súas posibilidades de atender as obrigas económicas e reducir o período medio de pago a proveedores.

Debate

No debate, o representante de Alternativa de Veciños, Ángel García Seoane, anunciou o seu voto a favor dos orzamentos, destacou o incremento dos programas destinados a atención ao rural, emprego e acción social e demandou un maior esforzo para mellorar a rede provincial de estradas.

Pola súa parte, Manuel Dios, de Compostela Aberta, valorou positivamente o “balance equilibrado e sen endebedamento” dos orzamentos, aínda que demandou un Plan de grandes cidades “dada a singularidade desta provincia, que conta con tres urbes importantes. O voceiro de CA lembrou tamén algunhas demandas do seu grupo como a mellora das estradas de Figueiras e Roxos-Villestro.

Parabenizándose pola sinatura do protocolo do acordo asinado esta mañá entre o Concello da Coruña e a Deputación para o financiamento de diversas cuestións de carácter metropolitano “do que se vai beneficiar toda a área coruñesa”, comezou a súa intervención o deputado de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, que despois de facer público o seu voto a favor dos orzamentos, coincidiu tamén na necesidade de crear un plan de grandes cidades, xa que “o Plan Único non cubre todas as necesidades das urbes” e “as cidades prestan servizos que van máis alá dos seus límites”.

O voceiro do BNG, Xosé Regueira, defendou o Plan Único comparándoo co plan do anterior goberno provincial, o DTC. “Os concellos da provincia reciben agora o dobre de fondos, porque o plan do PP priorizaba o investimento nas cidades”, afirmou o voceiro nacionalista, que defendeu que a misión principal da Deputación é apoiar aos pequenos municipios, con menos recursos técnicos e económicos.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández subliñou “un dato incontestable, que é que os concellos reciben hoxe 144 millóns de euros máis que co PP. O Plan Único duplica e nalgún caso triplica o investimento nos concellos e faino ademáis cun reparto obxectivo, sen ter en conta a cor política”, afirmou.

“Non é que non estean de acordo coas cantidades, é que non están de acordo co reparto obxectivo de fondos”, afirmou o voceiro socialista, que preguntou ao voceiro do PP Agustín Hernández cómo repartía os fondos cando era conselleiro porque pogramas como o Urban adxudícaronse prácticamente en exclusiva a concellos do PP “con axudas sen concorrencia que rematan aos cinco minutos de abrirse o prazo”.

Pola súa banda, o portavoz do grupo popular, Agustín Hernández, xustificou o seu voto en contra ante un orzamento “menguante, decepcionante e falto de ambición”, criticou que o Plan Único baixe no orzamento con respecto ao ano pasado e considerou que o POS+ “permite que o goberno se poña de perfil” en asuntos de importancia para os concellos.

R., 2018-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ángel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES