Noticias

'Sofía' e 'Martín' continúan sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que nacen en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2017, que reflicte que ‘Sofía’ e ‘Martín’ continúan sendo os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia. Ademais, como novidade destaca que ‘Lucas’ substitúe a ‘Mateo’ como o segundo nome máis frecuente entre os nenos. Os nomes de mulleres máis frecuentes son ‘Sofía’, ‘Noa’, ‘Daniela’, ‘Martina’ e ‘Sara’. Se se compara co 2016, ‘Alba’ desaparece da lista dos cinco primeiros nomes máis empregados e é substituído por ‘Daniela’.

Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2007, ‘Noa’ e ‘Sara’ son os únicos que coinciden entre os cinco primeiros.

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco nomes máis frecuentes son ‘Martín’, ‘Lucas’, ‘Mateo’, ‘Hugo’ e ‘Leo’. A mesma comparativa co 2016 mostra que o ano pasado ‘Pablo’ desaparece de entre os cinco nomes máis frecuentes e aparece ‘Leo’. Con respecto ao 2007, o único nome que coincide é ‘Hugo’.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como entre 2016 e 2017, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás o nome de ‘Anxo’ que no 2017 é substituído por ‘Antón’. En canto ás nenas, no 2017 suben á lista ‘Iria’ e ‘Sabela’ –que estaban xa presentes no 2015- e desaparecen ‘Lía’ e María’. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Uxía’, ‘Antía’ ou ‘Sabela’) como para os nenos (‘Brais’, ‘Antón’ ou ‘Iago’).

A estatística pódese consultar no seguinte enlace.
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación

O IGE tamén dispón da ‘Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación’ a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).

Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.

R., 2018-11-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES