Noticias

Galicia é a terceira comunidade española na que máis medraron as exportacións no que vai de 2018

A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega da Xunta de Galicia comprende, entre outras iniciativas, o programa Galicia Exporta, a iniciativa Bolseiros de Internacionalización e o Plan de Fomento das exportacións galegas (FOEXGA), para conseguir que as exportacións galegas representen o 40% do P.I.B. da nosa Comunidade. Tendo superado a barreira dos 21.000 millóns de euros en 2017, Galicia bate records cun superávit comercial de 2.695,8M€ nos primeiros oito meses de 2018.

Galicia é a terceira comunidade española na que máis medraron as exportacións no que vai de 2018, cun incremento de xaneiro a agosto do presente ano do 9,5% fronte ao 4,2% da media estatal. Tendo superado a barreira dos 21.000 millóns de euros en 2017, Galicia bate records cun superávit comercial de 2.695,8M€ nos primeiros oito meses de 2018, sendo a terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, cun incremento no mes de agosto das vendas ao exterior do 6,2% con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Galicia vive o mellor momento exportador da súa historia, nun período que dura xa cinco anos, sendo a clave deste éxito a aposta das empresas galegas pola innovación e a calidade para chegar a novos mercados.

Esta tendencia positiva das exportacións atribúelle a Galicia un importante peso no conxunto do Estado, representando as exportacións galegas un 8% das vendas españolas no exterior, sendo clave nas nosas cifras a evolución de sectores estratéxicos para a nosa economía como as máquinas e o material eléctrico, que experimentaron un crecemento no que vai de ano dun 57,7%; a industria metalúrxica, cun 15,9%; a automoción, cun 13,81%; ou o téxtil, cun incremento do 7,4%.

Entre os mercados que amosan un mellor comportamento para as exportacións galegas están os países do Mercosur, cun incremento do 46,1% no que vai de ano; Bélxica, cun 39,9%; Polonia, cun 27%; ou Portugal cun 20,2%.

Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega

A ferramenta que a Xunta de Galicia utiliza para seguir avanzando neste camiño exportador, é a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, que ten como obxectivo: que as exportacións galegas representen o 40% do PIB (no 2017 xa acadaron o 36%) e incrementar a base de empresas exportadoras que, actualmente, é de 6.722, das que 2.400 o fan con regularidade –é dicir, desde os últimos 4 anos–.

Entre as actividades que se promoven para impulsar a saída ao exterior do tecido empresarial galego está o programa Galicia Exporta, cun orzamento de 6,5M€, que cobre ata o 70% dos investimentos que comporta a actividade exportadora, dando apoio directo na actualidade a máis de 300 empresas galegas con plans comerciais no exterior.

Tamén destaca o programa Bolseiros de Internacionalización, -unha das primeiras iniciativas postas en marcha polo IGAPE tras a súa creación hai 25 anos- que xa ten permitido beneficiar a 295 persoas, ás que este ano se suman outras 33. Este programa contribúe á capacitación profesional de novos titulados para consolidar o proceso de internacionalización de empresas, facilitar o seu acceso ao mercado laboral, e impulsar o desenvolvemento de proxectos de internacionalización das PEMES galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

Outra das pezas fundamentais para o impulso da internacionalización das empresas galegas, é o Plan de Fomento das exportacións galegas (FOEXGA), co que a Xunta pretende impulsar este ano a internacionalización de 300 firmas, facilitando a súa presenza en feiras internacionais ou a súa participación en misións comerciais no estranxeiro.

Mediante o Plan FOEXGA, a Xunta apoiou o ano pasado a internacionalización de case 200 empresas (dos sectores agroalimentario, metal e maquinaria especialmente) que participaron en máis de 300 accións promocionais en 36 países. O Plan FOEXGA desenvólvese en colaboración coas Cámaras de Comercio galegas, que se encargan de coordinar as accións internacionais centradas en incrementar as exportacións cara a países como Alemaña, China, Brasil, Estados Unidos, México, Perú, Reino Unido, Canadá, Chile, Francia, Italia, Rusia ou Xapón, entre outros mercados de interese para o tecido empresarial galego.

R., 2018-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES