
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este mediodía, na rolda de prensa do Consello, que Galicia convértese nunha das primeiras comunidades en aprobar o teito de gasto para 2019. Un teito de gasto, prudente e expansivo, de 9.850 millóns de euros, o que supón que o gasto da Comunidade para o vindeiro exercicio poderá aumentar ata 363 millóns de euros, respecto ao orzamento para 2018, é dicir, un 3,8% máis.
Logo de subliñar que o obxectivo desta medida é poder presentar en tempo e forma os Orzamentos do vindeiro exercicio, Feijóo precisou que o teito de gasto non financeiro contará con máis recursos e con menos débeda, xa que a Comunidade reducirá o seu déficit ata os 69 millóns de euros, o 0,1% do PIB, o que significa que, no 2019, Galicia non dependerá practicamente da débeda pública.
Ademais de precisar que dos 9.850 millóns de euros, 9.756 son ingresos non financeiros, 69 proceden do obxectivo de déficit e 25 millóns de axustes de contabilidade nacional, engadiu que, no vindeiro ano, a Comunidade acadará practicamente a estabilidade orzamentaria.
Feijóo subliñou que todo isto terá efectos moi positivos, xa que a Comunidade volverá baixar a súa ratio débeda/PIB; e seguirase gastando menos en xuros para gastar máis nos galegos, dixo.
Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego fixo fincapé en que a Comunidade galega contará o vindeiro ano con 1.400 millóns de euros máis respecto do ano 2015. Uns recursos que servirán para consolidar a recuperación económica, para desenvolver novas políticas de impulso, garantir os servizos públicos e unha diminución selectiva de impostos.
En relación á actualización do cadro macroeconómico, o responsable do Goberno galego aseverou que a Xunta prevé para este ano 2018: unha estimación do crecemento do PIB dun 2,8%, tres décimas máis do estimado nos Orzamentos en vigor; e unha taxa de paro que pasa do 14,2% o 14,1%, mellorando nunha décima a previsión.
Así mesmo, e sobre o vindeiro ano, Feijóo aseverou que en 2019 se prevé que a economía galega siga medrando, situándose a estimación de evolución do PIB galego no 2,5% -na liña do previsto no Plan Estratéxico de Galicia 2015-20. E, tamén seguirá baixando a taxa de paro, ata situarse no 12,7%. Estas previsións foron avaladas esta mesma semana pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal.
O presidente concluíu engadindo que a pesares de que estamos incrementando os nosos recursos, a pesares de que este é o mellor presuposto desde o ano 2015, sigue sendo un presuposto inferior ao do ano 2008. Seguimos, polo tanto, facendo máis con menos.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que o teito de gasto non financeiro para 2019 medra en 363 millóns respecto ao actual exercicio, pero que este incremento da capacidade de gasto será aínda maior pola baixada un ano máis dos xuros da débeda. A xestión da Xunta xa permitiu que Galicia se endebedase en 3.800 millóns de euros menos que a media autonómica, indicou o titular de Facenda.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.