
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á tarde, no ourensán Campus das Lagoas da Universidade de Vigo, na apertura do IV Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.
Valentín García explicou que a lectura non é só unha fonte de pracer e de entretemento, senón que serve para abrirnos as portas do coñecemento: do coñecemento da propia lingua en que está escrita, da mellora da comprensión lectora, pero tamén do acceso a información sobre xeografía, historia, bioloxía... cultura e ciencia en xeral. Por este motivo, o secretario xeral considerou que é fundamental animar os rapaces e rapazas a ler, recomendarlles bos libros que os enganchen á literatura e facilitarlles o acceso a textos interesantes en galego, que temos moitos e de gran calidade.
O titular da Secretaría de Política Lingüística, agora adscrita á Consellería de Cultura e Turismo, estivo acompañado na mesa inaugural pola decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar García Señorán; o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a profesora coordinadora do ciclo, Isabel Mociño González. Tamén participou no acto a xefa territorial, María Luz Fernández.
A lectura como ferramenta de equidade
Baixo o título A lectura como ferramenta de equidade chega á súa cuarta edición o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano organiza a AELG en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A primeira das sesións desta edición centrada na igualdade correrá a cargo da narradora Ledicia Costas, que o 2 de outubro falará de Luces e monstros, da realidade á fantasía. O día 9 será a quenda de María Lado, que explicará Como pode a litertura cambiar (un pouco) a túa vida. Outra poetisa, Yolanda Castaño, collerá o relevo o día 16 para falar de Chaves en letra miúda. O 23 será a quenda de Carlos Negro coa conferencia Versos para especies diversas (menú de aula). O ciclo pecharase o vindeiro 30 de outubro co relatorio Cambiar coas palabras, de Esther F. Carrodeguas.
Todas as sesións terán lugar ás 18.00 horas na sala multiúsos Emilia Pardo Bazán, situada no Edificio Facultades do Campus das Lagoas, en Ourense.
Colaboración coa AELG
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil é froito do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a AELG.
A cooperación entre ambas as entidades posibilita ademais outras actividades de divulgación da literatura escrita na lingua propia de Galicia, tales como as visitas de escritores a Centros de Estudos Galegos dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o XV Curso de Formación Continua As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora ou a gravación de entrevistas para o Centro de Documentación de Escritores do web da AELG, entre outras.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.