Noticias

Galicia descobre variedades de uva e fermentos do viño moi útiles para afrontar a incidencia do cambio climático na vitivinicultura

Galicia dispón dunha ampla diversidade de variedades de uva e lévedos (fermentos) do viño de gran utilidade para afrontar as consecuencias do cambio climático en vitivinicultura, ofrecendo solucións a curto ou medio prazo para o sector. Así o constatou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), integrada na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, a través dun proxecto de investigación sobre a materia. O cambio climático modifica o desenvolvemento e a maduración da uva. O efecto máis notable é o aumento da concentración de azucre e unha redución da acidez no mosto, que inflúe na fermentación e, finalmente, nas características do viño.

Para avaliar esta incidencia, a Evega desenvolveu o proxecto “Diversidad de levaduras y de variedades de vid para la adaptación al cambio climático en vitivinicultura”, co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica. Esta iniciativa foi presentada na convocatoria de subvencións en réxime de competencia competitiva da Fundación Biodiversidad para a realización de proxectos sobre a adaptación ao cambio climático 2016, que foi avaliado positivamente e outorgado para a súa execución durante o período comprendido entre xullo de 2017 e xuño de 2018.

Colección de vides

Neste proxecto utilizáronse os datos dispoñibles dos estudos realizados sobre variedades conservadas na colección de vides da Evega. Foron avaliados o ciclo fenolóxico e o potencial enolóxico das distintas castes para valorar a variabilidade dispoñible fronte aos efectos do cambio climático. Constatouse que Galicia ten un potencial vitícola importante que inclúe variedades de ciclo longo e alta acidez que poden solucionar algún dos problemas causados polo cambio climático, como é a Loureira entre as variedades brancas ou Caíño Longo, Caíño Tinto ou Sousón entre as tintas. Noutras variedades de ciclo curto, pero con altos valores de acidez como Albariño ou Caíño Branco, o aumento da temperatura favorecerá unha diminución da acidez e permitirá a elaboración de viños máis equilibrados.

Ademais, a partir da colección de lévedos vínicos da Evega, avaliáronse 60 cepas polo seu comportamento fermentativo e capacidade de producir etanol. Catorce fermentos foron preseleccionados e probados en microvinificacións para investigar a súa influencia sobre a composición química dos viños e o seu potencial para mitigar os efectos do cambio climático. Destes, Metschnikowia fruticola Mf278 e Lachancea termotolerans Lt93 destacaron pola súa capacidade de reducir o grao alcohólico do viño e aumentar a acidez, respectivamente; ademais de ter unha influencia positiva sobre a calidade organoléptica do viño.

R., 2018-09-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES