
A Administración galega descoñece os motivos polos que a ministra de Industria non está a ter con Galicia e cos traballadores afectados a mesma sensibilidade que si demostra en Castela e León, onde a semana pasada xa mantivo senllas reunións tanto cos representantes dos traballadores da empresa que a factoría ten en Valladolid como coa conselleira de Economía e Facenda de Castela e León.
Ante esta situación, e tras coñecer a solicitude de liquidación da compañía ante os tribunais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta púxose en contacto co Ministerio de Industria o pasado 17 de agosto para defender a necesidade de levar a cabo unha actuación coordinada na que participasen todas as administracións implicadas é dicir, o Estado e os gobernos de Galicia e Castela e León para poder dar unha resposta conxunta aos traballadores do grupo Invertaresa.
A Xunta ofreceu ao Estado a súa colaboración e propuxo a celebración dun encontro entre as tres administracións para avanzar na procura da mellor solución posible; unha acción conxunta en defensa da actividade industrial e dos postos de traballo da que ata a data non se recibiu resposta por parte do Ministerio.
O grupo Invertaresa, un holding de empresas de capital galego, atópase desde hai dous anos en dificultades para garantir o mantemento da súa actividade e da carga de traballo. Por iso, a Xunta mantivo desde o primeiro momento reunións coa dirección e o comité de empresa; contactos que se intensificaron nas últimas semanas cos representantes dos traballadores. De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten previsto manter un encontro nos próximos días co comité de empresa para tratar de buscar solucións que permitan a continuidade da actividade empresarial e dos postos de traballo en Galicia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.