Noticias

A Xunta apoia adegas da Ribeira Sacra lucense con 703.240 € que permitiron investimentos de 1.900.000€

A Xunta de Galicia apoia as adegas da Ribeira Sacra lucense con axudas directas que superan os 703.240 € e que permitiron mobilizar investimentos por valor de 1,9 millóns de euros, dirixidos a promover melloras nas súas instalacións e impulsar a súa actividade. Benefícianse un total de 14 adegas nos concellos de Sober, Chantada, Pantón e O Saviñao.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita a adega Val da Lenda, en Sober, onde aproveitou para facer balance destes apoios, “que contribúen ao fortalecemento dun sector, como é o do viño, estratéxico para a economía da comarca e da provincia”.

O groso das achegas proceden da Consellería do Medio Rural, a través das liñas de apoio á comercialización e transformación de produtos agrarios e das achegas do anterior Instituto Galego da Calidade Alimentaria. Pero tamén recibiron outras axudas con cargo aos recursos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) ou do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), neste último caso, organismo pertencente á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Catorce adegas en catro concellos

Segundo explicou Balseiro, ata o momento as achegas distribúense entre quince adegas, que decidiron acollerse ás diversas liñas de apoio dispoñibles, todas elas emprazadas nos concellos de Sober, Chantada, Pantón e O Saviñao. Con todo, a maior parte das axudas descritas son de convocatoria anual e seguen o procedemento de concorrencia competitiva.

A estas subvencións directas hai que engadir outras iniciativas de apoio como as dirixidas a unir esforzos entre o mundo vitivinícola e a axenda turística, unha área na que Galicia está avanzando, con diversas actividades e eventos nos que a Ribeira Sacra é todo un referente. E tamén terían que engadirse os apoios ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que ampara o traballo de máis de 2400 viticultores e das preto de 90 industrias inscritas neste selo de calidade.

Adega Val da Lenda

A produción de viño na adega Val da Lenda remóntase varias xeracións, pero desde 1991, o que ata entón era unha pequena empresa familiar converteuse nun dos pioneiros da Denominación de Orixe, dentro da zona de Amandi.
Os viñedos desta adega ocupan as ladeiras inclinadas das terrazas do rio Sil onde o tamaño pequeno e de difícil acceso, implican o desenvolvemento dunha viticultura que está cualificada como heroica.

Esta adega beneficiouse recentemente dunha axuda do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel para a ampliación e acondicionamento dunha nova sala de embotellado, grazas a rehabilitación dunha edificación anexa. Isto permite dispoñer de espazos propios para o etiquetado e taponado de botellas, distintos aos destinados á elaboración do viño. Ao longo dos últimos anos tamén recibiu distintos apoios da Consellería do Medio Rural para a adquisición de equipamentos e para a implantación dun programa de rastrexabilidade e outras melloras en adega.

Noticia

O delegado territorial estivo acompañado polo alcalde de Sober, Luís Guitan; a Secretaria do Parlamento de Galicia –anterior alcaldesa-, Raquel Arias e polo presidente do GDR Ribeira Sacra Courel, José Manuel Arias, ademais de representantes do Consello Regulador da Denominación de Orixe, entre outros.

R., 2018-08-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES