Noticias

Convocada unha nova edición do programa para creadores novos Xuventude Crea

O programa Xuventude Crea está dirixido a mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2017. A novidade con respecto á edición anterior é que se inclúe unha disciplina nova, o skate, co que o total de especialidades nas que se poderá participar ascenderá nesta ocasión a 13: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, relato breve, teatro, skate e videocreación. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti e cociña, a participación será sempre a título individual.

En canto ao prazo de inscrición, este permanecerá aberto dende mañá e ate o vindeiro 21 de setembro. E, ao fío, lembrar que cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica. Cómpre lembrar que na edición do 2017, participaron un total de 376 mozos e mozas galegas ou residentes en Galicia (228 mulleres e 148 homes) que presentaron 299 proxectos individuais e en grupo. Foron premiados 50 proxectos e 69 participantes. Cada unha das 13 especialidades conta con tres premios, que poden ser compartidos: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

A publicación da orde que rexerá as bases da nova convocatoria do Xuventude Crea, coincide este ano coa celebración do Día Internacional da Xuventude, unha data que se conmemora dende hai máis de 30 anos cada 12 de agosto. Este ano, a Xunta de Galicia celebrará esta singular data cunha campaña en redes sociais para poñer en valor os programas e iniciativas dirixidas á xuventude impulsadas polo goberno galego.

13 especialidades

Máis polo miúdo e con respecto a cada unha das especialidades, cómpre apuntar que no caso da denominada como artes plásticas inclúe pintura e escultura. O tema e as técnicas para participar serán libres e en escultura o peso máximo da obra non pode superar os 50 quilos. Xunto coa documentación os participantes presentarán un CD con fotografías do proxecto.

En canto á banda deseñada, a temática será libre con textos en lingua galega; a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Para cociña, os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. A receita presentada por cada participante –individual ou en grupo- pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. Xunto coa documentación os participantes presentarán unha fotografía de cada unha das tres xoias, que poderán ser tanto para home como para muller.

En fotografía, o tema e a técnica serán libres. Xunto coa documentación os participantes presentarán en CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

As obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. Así mesmo, haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, o mesmo que ocorre para teatro, e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

Para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

En canto ao relato breve, as obras deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Na especialidade de teatro, poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2018. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira e poderán presentarse obras orixinais. duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos. Xunto coa documentación os grupos teatrais deberán presentar en DVD unha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2017.

A especialidade de skate incluirá dúas disciplinas: street e mini-rampa. A duración da intervención será entre 1 minuto e 1 minuto e 30 segundos. Os participantes xunto coa documentación presentarán unha gravación que recolla unha intervención.

Os participantes de videocreación só poderán presentar obras que non teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

Concurso de deseño do cartel Xuventude Crea 2018

A imaxe do programa Xuventude Crea 2018 é obra de Fátima Faílde Fernández, unha moza de Piñor (Ourense), cuxo proxecto resultou gañador no concurso de deseño de cartel convocado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.Aparte de ser a imaxe do programa, esta moza recibiu un premio en metálico de 500 euros. A exposición dos proxectos presentados a este concurso pódese visitar no IES Rosalía de Castro en Santiago ata finais deste mes de agosto.

R., 2018-08-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES