
Ao longo de dito exercicio movéronse nos portos dependentes da Xunta de Galicia un total de 950.000 toneladas de mercadorías. Esta cifra supón un incremento en termos netos de 112.000 toneladas respecto ao balance do mesmo período de 2017 e un incremento porcentual do 13%.
Os movementos de mercadorías máis importantes, corresponderon respectivamente aos portos de Cariño con 327.000 toneladas; Ribadeo, con 245.000 toneladas e o de Brens (Cee), con 204.000 toneladas. Durán destacou ademais que o incremento global se reflicte tamén nos tres portos principais, xa que tanto Cariño como Ribadeo e Brens-Cee experimentan subas interanuais, do 29; o 4; e o 8% respectivamente.
En canto ás principais mercadorías descargadas, destaca o mineral de ferro sen aglomerar no porto de Cariño, no que se moveron máis de 295.000 toneladas desta mercadoría; a pasta de madeira en Ribadeo, con 185.000 toneladas; e o manganeso no porto de Brens-Cee, con 77.000 toneladas.
En relación á influencia da actividade dos peiraos comerciais na industria da súa contorna, cómpre destacar a relevancia para A Mariña e a Costa Cantábrica, co repunte dos tráficos de madeira en bruto en Burela e Cariño; a cuarcita en Celeiro; a pasta de papel en Ribadeo e a incidencia nos transportistas; ou o mineral de dunita para a exportación desde o porto de Cariño. Así mesmo destaca a repercusión para a Costa da Morte das ferroaleacións movidas no porto de Brens ou da descarga de túnidos conxelados para a industria transformadora do Barbanza, especialmente da Pobra do Caramiñal, que continúa como líder de Galicia.
Maior reversión en melloras portuarias
Respecto á facturación, Portos de Galicia pechou o ano económico cunha recadación de oito millóns de euros, o que supón un incremento do 7% respecto ao pasado ano. Esta cifra supón un índice de cumprimento de previsión do 50% a metade de ano e un incremento neto de medio millón de euros respecto ao primeiro semestre de 2017, o que permite unha maior reversión dos investimentos na mellora dos servizos e as infraestruturas portuarias.
Ante as cifras aportadas, o presidente de Portos de Galicia sinalou que os datos de movemento de tráficos son proba dunha crecente actividade económica rexistrada nos peiraos de titularidade autonómica, que teñen sido rendibilizados como motor de xeración de riqueza e emprego, tanto para a carga e descarga de peixe e mercadorías, como para o desenvolvemento de actividade náutico recreativa e deportiva.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.