Noticias

Medio Máis de 3 millóns de euros en axudas para executar 224 proxectos de mellora e recuperación de espazos en Rede Natura e nos parques naturais de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente vén de resolver dúas ordes de axudas para acometer nos anos 2018 e 2019 actuacións de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000 e no ámbito dos parques naturais de Galicia. En total, son 224 proxectos por un importe de 3.063.802,30 euros, un 61,5% máis que a contía concedida na convocatoria anterior. A través destas dúas ordes de axudas financiaranse investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000 e dos parques naturais de Galicia.

No caso da orde para proxectos en Rede Natura, concedéronse preto de dous millóns de euros, en concreto, 1.961.062,67 euros distribuídos nun total de 139 iniciativas. Arredor do 60% dos beneficiarios foron concellos con zonas Rede Natura nas que desenvolverán 67 proxectos; e o 40% restante, titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nestes espazos protexidos, e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles, que desenvolverán un total de 72 proxectos.

Polo que respecta ás axudas para acometer accións nalgún dos parques naturais da comunidade, o importe total concedido ascende a 1.102.739,63 euros. Desta contía, 312.661,76 euros destinaranse a concellos con toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural; 26.356,53 euros a empresas con domicilio fiscal nalgún destes concellos; e 763.721,34 euros a titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nos parques naturais e para asociacións ambientalistas e de custodia do territorio propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas nestes espazos. En total aprobáronse 85 actuacións nos parques galegos: 73 delas a proposta de particulares, 9 de concellos e 3 presentadas por empresas.

O obxectivo común dos 224 proxectos seleccionados (72 máis que na convocatoria dos anos 2016 e 2017) é restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe rural tradicional para o mantemento das condicións ambientais necesarias nas zonas pertencentes á Rede Natura 2000 e, particularmente, naquelas que teñen a consideración de parque natural.

Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, executaranse en dúas anualidades. Os beneficiarios terán dous prazos para comunicar o remate das accións e solicitar o pagamento da axuda que lle corresponda: ata o 14 de setembro no caso da anualidade de 2018 e ata o 31 de marzo para a anualidade de 2019.
Plan de Desenvolvemento Rural

Cómpre lembrar que estas axudas inscríbense dentro do Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e mellorar a calidade de vida da poboación rural a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Neste sentido, o tipo de actuacións seleccionadas perseguen a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; a sinalización de camiños e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional (hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes...); ou actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.

En canto aos beneficiarios das axudas, a maioría son particulares propietarios de terreos agrícolas e forestais, localizados nestas zonas, os propios concellos, asociacións ambientais e de custodia do territorio e, no caso concreto das axudas en parques naturais, tamén empresas con domicilio fiscal nun dos municipios localizados dentro do parque.

A consellería subvenciona o 100% do custo das actuacións, cuns importes máximos de axudas que, no caso da orde en zonas Rede Natura 2000, se sitúa en 20.000 euros por proxecto sempre que o beneficiario sexa un concello, e en 12.000 euros para o resto de solicitantes; e no caso dos incentivos dentro dos parques naturais, o investimento máximo para solicitudes presentadas por concellos é de ata 40.000 euros, e para as restantes tipoloxías de beneficiarios, de ata 12.000 euros.

R., 2018-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES