Noticias

81.000 asistentes de 42 países, 2.000 empregos xerados, e 0 incidencias, as cifras dun novo 'éxito rotundo' do Resurrection Fest

Máis de 81.000 persoas de 42 países abarrotaron a pasada semana o Concello de Viveiro co Resurrection Fest, xerando uns 2.000 empregos directos e indirectos, e sen ocasionar ningún tipo de incidente durante os catro días que durou a cita. Así o avanzou este mércores, na localidade mariñá, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Director do Festival, Iván Méndez Rodríguez. Santos Ramos apuntou que “un ano máis podemos cualificar de éxito rotundo o Resurrection Fest, pois durante catro días 81.350 persoas de 42 nacionalidades diferentes participaron no que xa é o festival de música metal e rock máis importante de España, e un dos máis relevantes de Europa".

"Evidentemente, isto supón un importante retorno económico para o Concello de Viveiro, que esgotou tanto as 2.000 prazas hoteleiras como as 12.000 de cámping municipal; para a Comarca da Mariña, pois moitas das localidades limítrofes recibiron visitantes; así como para o conxunto do territorio lucense. Neste senso, estase a elaborar un estudio do impacto económico do Resu na provincia de Lugo que publicaremos en próximas datas”.

O Deputado lembrou que “Deputación e Concello de Viveiro apostamos por este festival dende a súa primeira edición, da man de Melchor Roel, e hoxe en día seguimos sendo as administracións galegas que máis colaboran. Dende a Deputación, facémolo con máis de 130.000 euros, pois sabemos que apostar polo Resu é apostar pola provincia, como así o demostran as cifras desta décimo terceira edición do festival. Este festival xera un volume de negocio similar ao mundial de Rusia, porque o impacto no territorio é inmediato. Por cada euro investido pola Deputación, conseguimos un efecto multiplicador de 100 euros de beneficio”.

Loureiro García subliñou que “un dos aspectos máis salientables do certame é a xeración duns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contratouse persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas
taquillas... e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis”.

Así mesmo, a Alcaldesa destacou “o bo ambiente que se respira durante o certame, proba disto é que nas 13 edicións que se levan desenvolvido nunca houbo ningún tipo de altercado nin trifulcas. Así, nun evento desta magnitude é de resaltar a inexistencia de calquera tipo de denuncia e tampouco se rexistraron incidencias con respecto ao mobiliario urbano. Neste senso, é de agradecer o civismo e bo comportamento dos asistentes e, por suposto, a implicación e boa acollida que sempre demostran os veciños de Viveiro e, especialmente, os de Celeiro, que durante varios días ven interferida a súa actividade cotiá, porque desde o Concello desviamos o tráfico, prohibimos aparcar, cortamos accesos, iso é necesario para que o festival se desenvolva con éxito, pero tamén grazas ao respecto, a tolerancia e a colaboración de todos os veciños. E como non, á organización de todos os equipos de seguridade”.

Finalmente, Méndez Rodríguez apuntou que “por terceiro ano consecutivo logramos colgar o cartel de cheo para a actuación principal, a do grupo estadounidense KISS, pois xa o conseguiramos con Iron Maiden na edición de 2016 e con Rammstein en 2017. Este éxito, sen dúbida, é un aliciente máis para seguir traballando de cara a conseguir superarnos na edición do ano que vén”.

R., 2018-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES