Noticias

110 novos centros incorporan o Libro Dixital no vindeiro curso 2018/19, con 18.000 alumnos beneficiados en toda Galicia

Un total de 110 centros escolares incorporarán o libro dixital nas súas aulas o próximo curso 2018/19, polo que o proxecto de educación dixital E-Dixgal acada os 264 centros beneficiados (un 70% máis que o curso pasado) e chegará a 18.000 alumnos (40%). Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- recibirán unha ensinanza completamente dixital. Do total dos 264 centros E-Dixgal, 91 son da provincia da Coruña (37 novos para o vindeiro curso), 47 de Lugo (22 novos), 19 de Ourense (11) e 107 de Pontevedra (40). Por ensinanzas, 162 incorporan o libro dixital en Primaria, 73 en Secundaria e outros 29 fano en Primaria e Secundaria.

Estes datos mostran o forte impulso que o departamento educativo da Xunta de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de realizar no E-Dixgal. O proxecto naceu como experimental no curso 2014/15 coa intención de proporcionarlle aos centros da rede Abalar un proxecto integral para facilitar o desenvolvemento de proxectos de educación dixital mediante a incorporación de materiais específicos. Deste xeito, no vindeiro curso, o 27% dos centros de ensino obrigatorio públicos contan con proxectos de educación dixital, 17 puntos porcentuais máis que no curso 2014/15, cando arrancou esta iniciativa con carácter experimental e que agora se consolida.

Unha vez finalizado o carácter experimental do proxecto, e consolidado no seu procedemento, optouse por darlle un novo impulso mediante a súa ampliación, así como flexibilizando algúns dos requisitos. Deste xeito, na convocatoria deste ano reforzouse o proxecto en ESO cun plantexamento máis flexible e adaptable, posto que require un mínimo de seis materias no modelo dixital, mentres que ata agora se incluían todas as materias na iniciativa.

Tamén cómpre lembrar que, ata o momento, para acceder a este programa era necesario que os centros participaran no proxecto Abalar. A partires de agora subminístrase o equipamento informático necesario –fundamentalmente ultraportátiles para os alumnos– aos centros que non conten con el. De feito, a Xunta de Galicia realizou este ano a renovación dos equipos dos centros E-Dixgal, o que supuxo o reparto de máis de 13.000 ultraportátiles.

Estratexia galega de educación dixital 2020

Continúase así co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21.

Cómpre lembrar que os centros que se incorporan este curso poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé. Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.

Tamén neste curso se activará o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.

Os máis de 1.500 profesores, 18.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil...), as 24 horas do día os sete días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.

Plan de formación

Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. Non en balde, todos os centros E-Dixgal contan cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas á educación dixital.

Para o vindeiro curso 18/19, todos os centros E-Dixgal volverán contar de novo cun plan de formación propio. Ademais, en todos os CFR e no CAFI realizaranse cursos presenciais de iniciación e de profundización no manexo da contorna EVA E-Dixgal dirixida a todo o profesorado. Realizaranse tamén diversas xornadas de actualización nos CFR e no CAFI dirixida a aquelas persoas que realizan as funcións de coordinación do proxecto E-Dixgal nos centros educativos.

Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.

R., 2018-07-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES