Noticias

O monte Gaiás convértese este verán en observatorio de excepción do ceo nocturno coas súas tradicionais visitas astronómicas

As Visitas Astronómicas volven este verán á Cidade da Cultura, convertendo o monte Gaiás nun observatorio privilexiado do ceo nocturno de Compostela. Durante os sábados do verán realizaranse sesións de observación astronómica –de balde previa inscrición– nas que gozar a un tempo da maxia das estrelas e da arquitectura do complexo de Peter Eisenman. A través de telescopios e prismáticos e seguindo as explicacións técnicas de monitores, as persoas asistentes observarán a lúa, os planetas, estrelas dobres ou nebulosas, aprendendo ademais, valéndose dun planisferio, a identificar as constelacións á primeira ollada.

A actividade, que combina lecer e coñecemento e se dirixe a un público familiar, está organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

O programa das Visitas Astronómicas alóngase durante todo o verán cun total de dez sesións, todas elas de balde previa inscrición, que se desenvolverán as noites dos sábados ata o 15 de setembro –agás o 28 de xullo e o 25 de agosto–. Prográmase ademais unha sesión extraordinaria para a noite do domingo 12 de agosto, coincidindo coa Noite das Perseidas. Se o tempo acompaña, as ‘bágoas de San Lourenzo’ poderán observarse desde o Gaiás nunhas óptimas condicións de visibilidade, con mínima contaminación lumínica. Ao rematar o verán, un milleiro persoas terán pasado polo Gaiás para participar nesta popular actividade, que cumpre xa a súa oitava edición.

A través do web cidadedacultura.gal está aberta a inscrición nas sesións de xullo e agosto, para as que quedan xa poucas prazas. Dado o grande interese que esperta esta actividade, o luns previo a cada unha das sesións abrirase a inscrición para 25 prazas adicionais nesa mesma quenda semanal. Ademais, o 6 de agosto abrirase a inscrición para as quendas de setembro –aínda non dispoñible–.

Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Programación de verán da Cidade da Cultura

As Visitas Astronómicas enmárcanse na programación de verán da Cidade da Cultura para 2018, que inclúe 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza, pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no Bosque, Cidade Imaxinaria, Camiño ao Gaiás, ou As Nocturnas, visitas comentadas ás exposicións con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.

R., 2018-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES