
Conde explicou que a transición enerxética ten que camiñar cara a unha enerxía máis limpa fundamentada nas enerxías renovables e a través de medidas que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética e cara unha mobilidade máis sostible que permita a introdución do vehículo eléctrico e o desenvolvemento de enerxías vinculadas co gas. Subliñou, ao respecto, que a través da mobilidade sostible conseguirase un menor impacto medio ambiental. En palabras de Conde, estes retos son eixos principais das Directrices Enerxéticas de Galicia que se fundamentan nas enerxías renovables, no aforro e na eficiencia enerxética e na mobilidade sostible.
Para acadar estes obxectivos, a Administración autonómica ten previsto un investimento de 3000 millóns de euros nos próximos tres anos que, segundo apuntou Conde, permitirá con accións concretas o incremento da capacidade renovable en 1200 megavatios, o que suporá un investimento de 1300 millóns de euros. Segundo engadiu o conselleiro, isto permitirá que a nosa enerxía, a nosa economía, sexa máis verde e máis renovable. Tamén garante, tal e como afirmou, que Galicia está aportando a este novo modelo e a esta transición enerxética.
O titular de Economía apuntou, así mesmo, que neste novo modelo enerxético é preciso dar unha resposta concreta ás necesidades dos consumidores e das empresas desde o punto de vista da competitividade da industria e desde o punto de vista do impacto económico e social.
Para rematar, o conselleiro asegurou que estas directrices supoñen unha aposta importante para a nosa competitividade e a nosa economía, e tamén para garantir unha economía máis sostible de cara ao futuro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.