
O título da mostra, que poderá visitarse no Museo de Belas Artes ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. Así, a exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos. A exposición completarase con actividades paralelas cun ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e público en xeral. Unha programación destinada a difundir o legado de Isaac Díaz Pardo.

As curtametraxes volven formar parte do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, que levará os oito filmes curtos de ficción e animación finalistas e gañadores da última edición dos Premios Mestre Mateo a 24 concellos das catro provincias localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables. O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns. No bloque de ficción poderán verse Pura, de Carmen Méndez; Véxote, de Óscar Pardo; Nai, de Tito Refoxo; e Platónico, Platónica, de Xacio Baño. Na categoría de animación exhibiranse Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro; Sinapse, de Carlos Cuesta; Avetimología, de Xosé Zapata; e Noites de prata, de Soraya Antelo.