
Nota de prensa do Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela:
O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o representante de Arraianos Multimedia, Aser Álvarez, presentaron o I Certame Escolar de Relato Radiofónico "O vello dos contos".
Trátase da primeira edición dun concurso ao que pode presentarse o alumnado de 6º de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros de Compostela. Os textos deben ser inéditos, pensados para ser radiados, dunha extensión de entre 3 e 5 folios, mecanografados a dobre espazo e escritos en lingua galega. Admítense tanto obras individuais como colectivas.
Os traballos teñen que presentarse por correo electrónico no seguinte enderezo: [email protected] e deberán incluír o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico das persoas autoras que asinarán ademais con nome e apelidos, idade, curso e nome do centro educativo. O prazo de presentación estará aberto ata o 19 de maio.
O premio para este primeiro certame consistirá na montaxe radiofónica e na publicación do texto premiado, de aí que unha das condicións esixidas sexa que a súa redacción teña que estar adaptada á emisión radiofónica. O premio está organizado polo Concello, en colaboración con Arraianos Multimedia e a emisora Radio Galicia Cadena SER.
A obra será representada e radiada en directo nun acto público de entrega de premios ao remate do curso escolar 2016/2017 onde haberá unha representación musical a cargo da Escola Municipal de Música. A peza leva por nome A Rosalía, baseada nun texto de Alfredo Brañas.
Xosé Mosquera Pérez (Compostela, 1895) foi a primeira estrela mediática de Galicia. A través dos micrófonos de Radio Galicia, o popular persoeiro que creou Mosquera Pérez, "O vello dos contos" chegaría a converterse nun auténtico fenómeno de masas en Compostela e na contorna, grazas aos seus relatos radiofónicos, contos e historias.
O obxectivo deste certame, en palabras de Aser Álvarez, pasa por "recuperar a memoria do vello dos contos, un home que está sempre en segundo plano". Ademais, preténdese "achegar o coñecemento da historia local e amosar que se trataba dun home moderno para a época".
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.