Noticias

Aslı Erdoğan, Ignacio Escolar, Xosé Hermida, Virginia Pérez Alonso, 'Peridis' y Jorge Ramos, candidatos al XIII Premio Couso

Candidaturas: cuatro hombres y dos mujeres concurren este año al Premio José Couso de Libertad de Prensa, del Colegio profesional de Periodistas de Galicia (CPXG) y el Club de Prensa de Ferrol.

Nota de prensa del Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia:

Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Ata o 6 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir ao gañador.

Aslı Erdoğan é escritora e activista polos dereitos humanos turca, física de formación. Iniciou a súa carreira literaria, na que destaca a novela A cidade cuxo manto é vermello, en 1994, e compaxinouna coa publicación de máis de 200 columnas de opinión en varios xornais: na actualidade no Özgür Gündem e previamente no Radikal. Foi perseguida e sufriu numerosas campañas de acoso en Turquía polos seus escritos, polo que viviu exiliada varios anos. O 16 de agosto do 2016 foi detida na súa casa, saíndo en liberdade provisoria, á espera de xuízo, o 29 de decembro. Ten prohibido abandonar o país.

Ignacio Escolar García iniciou a súa carreira xornalística en 1995, traballando en medios como Cinco Días, El Mundo, Muy Interesante, Rolling Stone, Tele 5, La Voz de Almería ou a Cadena Ser. Foi fundador e director entre 2007 e 2009 do diario Público e, desde o seu nacemento no 2012, dirixe o xornal dixital eldiario.es. Colaborador e tertuliano en numerosos medios, en abril de 2016 cesaba a súa participación no programa Hoy por Hoy da Cadena Ser, logo de que eldiario.es publicara unha información referida aos Papeis de Panamá nos que supostamente figuraban achegados a Juan Luís Cebrian, presidente executivo do grupo propietario da canle.

Xosé Andrés Vázquez Hermida comezou a traballar como correspondente de Boiro para El Correo Gallego. Posteriormente pasou pola Radio Galega, onde dirixiu un informativo e unha tertulia, e acabou colaborando con El País. En 1989 asume a correspondencia galega deste diario. No ano 2006, coa creación da delegación en Galicia, é nomeado subdelegado e, a partir do 2008 delegado de El País nesta comunidade. Tras o peche da edición galega en 2015, trasládase a Madrid e ocupa diversos postos en varias seccións do periódico. Finalmente, a principios deste ano asume o cargo de delegado en Brasil do diario.

Virginia Pérez Alonso ten unha ampla traxectoria no xornalismo, especialmente no ámbito dixital. Traballou en EFE e La Voz de Galicia antes de dar o salto a 20minutos, onde foi directora adxunta da edición online. Entre 2015 e 2016 encargouse da dirección de elmundo.es e na actualidade é subdirectora de Público. Desde 2014 é presidenta da Plataforma en Defensa de la Libertad de Información, e en 2016 foi escollida membro da xunta directiva do International Press Institute, converténdose na primeira muller española (e a primeira de fala hispana) que forma parte deste órgano. Tense destacado na loita contra os excesos producidos pola Lei Mordaza.

José María Pérez González, Peridis, é arquitecto, escritor e humorista gráfico. Comezou a súa carreira como debuxante no Diario Palentino, e máis tarde noutras publicacións como Diario SP, Informaciones ou Cuadernos para el diálogo. Desde o nacemento do diario El País, o 4 de maio de 1976, publica unha tira diaria sobre a actualidade política neste xornal, que o ten situado como un dos máis influentes humoristas gráficos españois, caracterizado por un alto sentido do humor e o seu estilo propio para caracterizar as personaxes. Realizadas con absoluta liberdade, algunhas das súas tiras teñen a forza dun editorial.

Jorge Ramos Ávalos, xornalista mexicano, comezou a súa carreira na Cidade de México, de onde emigrou en 1983, tras un incidente de censura, a Los Angeles, onde comezou a traballar en Univisión. Dende 1986 é presentador do Noticiero Univisión e dende 2007 conduce o programa Al punto, ademais de publicar unha columna semanal en máis de 40 xornais. Ao longo da súa carreira cubriu cinco guerras, entrevistou a numerosos líderes mundiais, publicou unha ducia de libros e gañou oito premios Emmy. O 25 de agosto de 2015 protagonizou, moi ao seu pesar, un incidente con Donald Trump, no que o daquela candidato á Casa Branca o expulsou da sala de prensa.

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 19:00 horas do 6 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, de Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o 4 de maio no Teatro Jofre de Ferrol. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As doce edicións anteriores foron para Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

R., 2017-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES