Notas de prensa

O equipo internacional sobre cambio climático e actividade espacial liderado pola UVigo avanza no seu estudo sobre a contracción da estratosfera e o risco de colisión entre obxectos

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).

Neste proxecto participan, ademais da UVigo, representantes das universidade de Oxford, Birmingham (Reino Unido), Berna (Suíza) e Praga (Chequia), do MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), do Instituto Leibniz de Física Atmosférica de Alemaña; da Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA) de Estados Unidos; do Servizo Antártico Británico e de servizos meteorolóxicos de varios países, como Finlandia e Países Baixos. Por parte da Universidade de Vigo participan Juan Antonio Añel (director do grupo) e Laura de la Torre, membros os dous do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, e a investigadora do mesmo grupo Celia Pérez.

A reunión celebrada en Suíza a pasada semana centrouse en avaliar os avances nas tres liñas principais de traballo do grupo. A primeira é cuantificar a contribución das emisións de dióxido de carbono á perda de densidade da atmosfera. A segunda é mellorar as observacións da atmosfera media e alta con satélites, foguetes sonda, lidares e radares, xa que se trata dunha zona da que existen moi poucas medidas directas. A terceira é avaliar o efecto do aumento dos lanzamentos espaciais e do lixo orbital sobre a composición atmosférica. “Nas sesións presentáronse resultados preliminares sobre a contracción da estratosfera e sobre o risco de colisión entre obxectos en órbita que indican un aumento de ambos con respecto as estimacións previas e chaman a atención sobre as crecentes consecuencias do cambio climático e as operacións espaciais”, adianta Juan Antonio Añel.

Un "papel de referencia"

O equipo liderado pola UVigo arrancou a súa actividade en 2022 tras ser un dos seleccionados na convocatoria anual para financiar equipos de traballo nos temas máis relevantes do momento en investigación espacial e de monitorización da terra que realiza o ISSI, entidade financiada principalmente pola Axencia Espacial Europea, a Academia de Ciencias de Suíza e a Axencia Espacial de Xapón e que conta coa participación de numerosas institucións de referencia. Segundo explica Juan Antonio Añel, o ISSI é “un dos principais centros mundiais dedicados á investigación en ciencias do espazo, participado por axencias espaciais de todo o mundo e os seus equipos internacionais reúnen durante varios anos a especialistas de distintos países arredor dun problema científico concreto”, concedéndose a súa dirección por convocatoria competitiva. “O liderado dende o campus de Ourense dun destes equipos sitúa á Universidade de Vigo nun papel de referencia nesta área”, afirma.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES